Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
EN LALÍN

Traballadores de Montoto ocupan catro bancos para exixir o plan de viabilidade

Os operarios acusan as entidades e a Xunta de deixar afundir unha empresa con futuro. Se a liquidez non chega, 243 persoas perderán o emprego esta semana.

Redacción - 09:15 29/12/2009

Os traballadores de Montoto ocuparon durante toda a mañá deste luns catro oficinas bancarias de Lalín para exixir que a Xunta, Caixa Galicia, Caixanova, Banco Pastor e Banco Santander asinen un plan de viabilidade antes do mércores. Os manifestantes denuncian que se isto non acontece os 243 traballadores que ten en nómina a empresa téxtil do Deza quedarán no paro.

A medida ten lugar cando se cumpre un ano dende que a empresa, fortemente endebedada, presentou un concurso de acreedores. Segundo explicaron dende a CIG, por vez primeira nos últimos anos a empresa conseguiu uns resultados positivos que permitiron pagar a acreedores e empregados. Aínda así, sen o financiamento do plan de viabilidade a empresa terá que pechar de inmediato por falta de liquidez para amortiguar as débedas anteriores.

Montoto é unha empresa familiar, participada nun 10% pola Xunta, que se converteu na última década nun referente da roupa de punto. En 2007, a compañía facturou 27 millóns de euros producindo marcas como Privata, Morgat ou Boxley. Aínda así, a débeda acumulada pola xestión pasada sobrepasa os 20 millóns de euros.

Dende a CIG, Xabier Aboi subliñou que a situación era desesperada e acusou o Goberno e as entidades financeiras do “estrangulamento” que está a sufrir a empresa. “Os cartos públicos chegan aos bancos pero despois non inxectan liquidez ás empresas, esta é a proba”, sinalou.


5/5 (10 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: