Procedente dos montes do Caurel e acompañado dun burro fariñeiro agasallou aos nenos con castañas para encher os seus bandullos.
Con curiosidade primeiro e agarimo despois. Así recibiron os nenos lugueses ao Apalpador, que por vez primeira se deixou fotografar este Nadal nas rúas de Lugo. O vello Pandegueiro, como se lle chama en partes do oriente ourensán, achegouse dende o Caurel para repartir castañas entre os máis pequenos, ao tempo que lles recriminou a súa mala alimentación, cargada de doces e azucre.
O carboeiro apalpou as barriguiñas dos cativos, como manda a tradición e acompañado por músicos de Tradescola, felicitou as festas a todos os pequenos. Numerosos lugueses saíron ás rúas para recibir a esta lendaria figura, esquecida durante anos, que pregoou un Nadal austero e sostíbel, "axeitado para estes tempos de crise", dixo. A Área de Cultura da Deputación, a través da organización de Xuvenlugo, colaborou coa chegada do Apalpador e puxo á súa disposición todo o que precisou para que puidese deixar unha presada de castañas e agasallos a todos os pícaros.