Durante os últimos tres meses, 24 temas de grupos musicais do país aspiraron a formar parte do CD da nova montaxe da compañía.
A compañía de teatro Berrobambán fixo pública a ducia de temas seleccionados como música do seu próximo espectáculo, Pressing Catch. Logo de tres meses de certame e 24 candidaturas, esta semana o xurado escolleu as 12 cancións que se incluirán no CD da próxima montaxe.
O xurado estivo integrado por Belén Regueira, María Yáñez, Xurxo Souto, Pablo Novoa, Paula Carballeira, Quico Cadaval e Lara Rozados, como secretaria. Aínda que as bases estabelecían a selección de 10 temas finalistas, decidiuse ampliar a escolla a 12, polo gran número de temas recibidos, a súa calidade, variedade e a súa pertinencia coa temática e coa estética do proxecto.
As cancións escollidas de entre os candidatos, e que recollen tamén o espírito do A polo ghit, foron eletroni-K.O., de Soyuz Sound System; Impulsos criminais, de Impulsos criminais; Non me van matar, de Meninos Carentes; Mata a teu pai, de Novedades Carminha; Apocalipse agora, de GalegoZ; Barbeito por dereito, de Sacha na horta; Esmendrellando trebellos, de Spinochordodes; Ollo ó parche, de Dios ke te Crew; Meniños bomba, de fucoxabier; Loitah!, de Grupoh; O último comechurros, de Es un árbol; e Violencia, de Shit Pony. Estes, e os outros temas a concurso, pódense escoitar e descargar do blog do certame ou da web de Komunikando.
O xurado quixo destacar os temas de GalegoZ, Es un árbol e Shit Pony como os tres votados con maior unanimidade. A ducia seleccionada incluirase nun CD que tamén recollerá musica do espectáculo e algún pequeno diálogo. Distribuirase nas funcións e nalgunhas librarías, tendas de discos e centros sociais.
A obra
Pressing Catch está baseada nun texto de Paula Carballeira e dirixita por Quico Cadaval. Presenta loitadoras e loitadores da vida cotiá que se atopan no ring, interpretadas pola propia Carballeira, Chiqui Pereira, Anabell Gago e Hugo Torres, con música de Soyuz Sound System. Pretende ser unha obra multimedia, coa publicación do texto en Edicións Positivas, a creación dunha páxina web e a publicación do CD.
A montaxe teatral inspírase no formato televisivo da loita libre, mais no Pressing Catch de Berrobambán os enfrontamentos serán verbais.