Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Pechado o relatorio parlamentario

O PSdeG nega a existencia dun acordo para a reforma da Lei de Caixas

Aseguran que van "manter vivas" todas as emendas presentadas para o seu debate en Comisión e Pleno. PPdeG e BNG avalan sete artigos a maiores.

Redacción - 13:15 20/12/2009

O PSdeG emitiu un comunicado rexeitando "rotundamente" a existencia dun acordo no esencial para a reforma da Lei de Caixas, en contra do que afirmou este sábado o PPdeG. Así o demostra, afirman, a decisión de manter vivas todas as emendas presentadas polos socialistas, e que polo tanto "serán debatidas na Comisión e o Pleno onde sexa tramitada a devandita norma".

O PSdeG amosou a súa "sorpresa" polo comunicado feito público polo PPdeG debido a que "as diferenzas no fundamental a día de hoxe", pechado o relatorio parlamentaria, "seguen a ser insalvábeis, máis alá dos acordos que poidan existir en cuestións puramente técnicas".

Diferenzas entre os tres grupos

O relatorio parlamentario pechou este sábado un texto para presentar en comisión onde os tres grupos -PPdeG, PSdeG e BNG- avalan os puntos que se refiren á representación da Xunta e a composición das asembleas xerais.

O PPdeG destacou que o "acordo unánime" afecta a máis de 20 artigos da lei vixente mentres que 'populares' e nacionalistas avalan outros sete puntos e os socialistas súmanse ao grupo maioritario noutra reforma, a que se refire a limitar a 70 anos a idade do director xeral. Neste punto o BNG propón que, como empregado da caixa, este cargo non poida exceder os 65 anos.

A proposta sitúa nun 20% a representación pública galega nos órganos de goberno das caixas e estabelece que os representantes serán elixidos polo Parlamento e non poderán exercer no momento ningún cargo político.

Entidades, concellos e impositores

As principais diferenzas co PSdeG refírense á forma de designación do 10% de membros de entidades representativas. Estes cargos -serían 16, pois a asemblea estaría composta de 160 persoas- repartiríanse a partes iguais entre a Confederación de Empresarios, os sindicatos, os membros do Consello Económico e Social que non representan nin a patronal nin a traballadores e entidades benéficas.

A proposta de 'populares' e nacionalistas é que sexa a Consellaría de Facenda a que faga o nomeamento, algo co que non concordan os socialistas, segundo fontes da negociación. En canto aos concellos, o actual sistema -que manteñen PP e BNG- reservaría un terzo dos representantes a concellos pequenos e medianos que se reparten por sorteo.

O PSdeG aposta por que a representación sexa proporcional aos depósitos de clientes captados, o que introduciría, a xuízo dos 'populares', "un nesgo territorial potente", pois daría a maior parte dos representantes ás grandes cidades.

Outro punto de colisión é o sistema de sorteo para elixir os representantes dos impositores, pois PPdeG e BNG defenden que sexa un sorteo directo.


Reaccións:


3/5 (2 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



"As diferenzas no fundamental a día de hoxe seguen a ser insalvábeis", asegura o PSdeG
"As diferenzas no fundamental a día de hoxe seguen a ser insalvábeis", asegura o PSdeG
"Non está garantido o voto do BNG ao ditame final porque non damos un cheque en branco a ninguén", di o BNG
"Non está garantido o voto do BNG ao ditame final porque non damos un cheque en branco a ninguén", di o BNG