A Coordinadora Galega de ENDL envía unha felicitación de nadal a prol do ensino en galego, e o Consello da Xuventude publica "O noso Nadal, galego e verde".
As típicas felicitacións de fin de ano que están a enviar diferentes colectivos do país teñen este ano a defensa da lingua como tema principal. Por unha banda, a Coordinadora Galega de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística emprega como lema "Para ti, para os teus, para a nosa lingua", cos mellores desexos para o idioma de cara ao 2010.
Coincidindo, ademais, coa inminente aprobación do novo decreto sobre o galego no ensino, a coordinadora aspira a que o alumnado sexa realmente bilingüe e que, para iso, reciba a metade das materias na nosa lingua.
Por outro lado, o Consello da Xuventude de Galicia editou unha nova edición da guía O noso Nadal, galego e verde, para animar a cidadanía a vivir unhas festas integramente en galego e respectando o medio. A guía, que se pode descargar en formato PDF, consta de dúas partes: a primeira, con artigos de Séchu Sende, Paula Carballeira, Marcus Fernández e o equipo de Orella Pendella, inclúe recomendacións para agasallar produtos culturais en galego.
A outra metade, a verde, contén artigos de María do Carme Fidalgo, Marcos Pérez Gulín, Xosé María García Villaverde, Rebeca Carreiro e Adrián Serantes, ademais de información sobre as termas de Bande e dous menús tradicionais completos para degustar nestas festas. A guía contou coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística.