Os ecoloxistas sinalan a urxencia de variar os modelos de enerxía e residuos para contribuír a virar a situación.
As principais organizacións ecoloxistas de Galiza denuncian, no Día de Acción Global contra o Cambio Climático, a "alta" achega do noso país ao agravamento desta situación, ao tempo que alertan dos seus efectos. Por iso, propoñen cambios nos modelos enerxético e de xestión de residuos e formulan aos cidadáns unha política de redución do seu consumo persoal e a aposta pola reciclaxe. Do mesmo modo, os dous colectivos ecoloxistas consultados por Europa Press --Adega e Verdegaia-- coincidiron ao sinalar que Galiza "incumpre" o Protocolo de Quioto, posto que excede a súa cota de emisión de gases de efecto invernadoiro e debido a que rexistra unha pegada ecolóxica "moi superior" á da media estatal.
De feito, unha das fundadoras de Adega, Adela Figueroa, cifrou nun 6,4 a pegada ecolóxica dos galegos, o que supón que cada cidadán precisaría outras tantas hectáreas de terra fértil para satisfacer as súas necesidades alimenticias e de recursos enerxéticos, entre outras. A maiores, apuntou que este número podería elevarse ata o 11 se se teñen en conta as emisións de Galiza e, fronte a este dato, apuntou que a cifra de España ou Portugal "é do cinco e pico" e a de Estados Unidos e China, "do 13". Pola súa parte, o voceiro de Enerxía e Transporte de Verdegaia, Xosé Veiras, incidiu en que Galiza "ocupa posicións destacadas" como emisora de gases de efecto invernadoiro, xa que, en 2006, cada galego emitiu 12,4 toneladas. Comparou esta cifra coas 9,9 toneladas que emite de media un español e as 10,4 dos membros da Unión Europea. "Galiza forma parte do problema, está entre os países responsábeis do cambio climático", acusou.
Unha vez constatados estes datos, ambos os dous ecoloxistas propuxéronlle á Xunta modificar o sistema enerxético baseándose en criterios de "aforro e eficiencia" e de aposta por enerxías renovábeis; cambiar o modelo de xestión de residuos e primar a reciclaxe e a redución fronte á incineración; reformar as políticas de transporte para deseñar medios públicos "ecolóxicos, sostíbes e baratos"; e atallar as prácticas urbanísticas "descontroladas" e "salvaxes". A nivel persoal, propuxeron utilizar "o sentido común" á hora de utilizar a enerxía, por exemplo, para "non deixar escapar a calefacción polas ventás"; evitar o consumismo "na medida do posíbel"; e colaborar coa reciclaxe e a recollida selectiva de residuos. Ademais, propoñen "escoller" os produtos en función dos residuos que xeran e segundo a súa procedencia, guiándose por factores de proximidade e sustentabilidade.A maiores, o responsable de Verdegaia reclamou que os cidadáns fagan presión sobre os gobernos e as empresas para que actúen "en favor" da redución de emisións, posto que son "os máis responsábeis" do cambio climático.
Graves efectos
Entre os efectos que o cambio climático provoca en Galiza, Adela Figueroa alertou de que o derretemento dos polos "pode provocar unha perda de fertilidade das rías", debido aos cambios que causará nas dinámicas mariñas. A maiores, sinalou que están a aparecer fenómenos meteorolóxicos novos, xa que agora "hai máis tempestades", rexistráronse varias gotas frías e algún "amago" de ciclón. En todo caso, a activista quixo aclarar que "cambios climáticos houbo dende sempre", aínda que puntualizou que o que caracteriza ao actual é a "rapidez" coa que se está a desenvolver e que está motivado pola acción "directa" do home. "Á natureza non lle dá tempo a adaptarse porque, ademais, está desprovista dos seus elementos de salvagarda", evidenciou, en relación, por exemplo, co recheo de xunqueiras para a construción.
Por outra banda, a Xunta conta cun informe promovido pola anterior Consellaría de Medio Ambiente, liderada polo socialista Manuel Vázquez, que, baixo o título 'Análise das evidencias e impactos do cambio climático en Galicia (Cligal)', documenta as consecuencias deste fenómeno en Galiza. Así, constata un incremento da temperatura de 0,18 graos por década no período 1961-2006 e augura que, a mediados de século, aumentará 1,5 graos con respecto a finais do século XX. Tamén reflicte un descenso do número de días fríos e un "certo cambio" na distribución da chuvia ao longo do ano, ao tempo que prevé que esta situación se manteña no tempo. Así mesmo, a temperatura da auga dos ríos aumentará entre 2,5 e tres graos no último cuarto de século e o seu caudal diminuirá entre un dous e un cinco por cento. Estes cambios poden exacerbar a situación por toxicidade en casos de contaminación orgánica, diminuíndo a solubilidade do osíxeno e incrementando a presenza de tóxicos.
En canto aos solos, xa se observa unha diminución da súa materia orgánica de entre o 20 e o 30 por cento naqueles chans con cultivos intensivos que non foron corrixidos con achegas de fertilizantes orgánicos, polo que vaticina que no período 2075-2099 esta redución pode alcanzar entre o 60 e o 70 por cento. A maiores, o nivel do mar, que xa ascendeu entre dous e 2,5 centímetros por década dende 1940, poderá situarse entre 0,5 e 1,4 metros por enriba do nivel actual no último cuarto de século. Este avance do mar provocará tamén unha aceleración dos procesos de erosión das costas. Os animais experimentarán cambios nos seus ciclos migratorios, de igual modo que as plantas, que sufrirán variacións nos seus períodos de floración e maduración. Tamén a paisaxe rexistrará "cambios" e algunhas especies arbóreas poderán chegar a desaparecer ou a converterse en "pouco interesantes" para o seu aproveitamento debido a certas problemáticas sanitarias que farán perder capacidade produtiva. No relativo aos incendios, o estudio informa de que estes poderían facerse "máis rápidos e intensos" no futuro, o que, ademais, contribuiría ao aumento da emisión de gases de efecto invernadoiro.