Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Casas na costa e aldeas enteiras

Galiza si se vende

Os xornais 'Financial Times' e 'El País' analizan nas súas páxinas o auxe na compra de propiedades inmobiliarias na nosa terra por parte de británicos e de españois.

Redacción - 17:00 10/12/2009

"Costa del soul" e "Se vende aldea". Son os titulares de dúas reportaxes publicadas nos últimos días nos xornais de difusión internacional Financial Times (Londres) e El País (Madrid) onde se analiza o auxe na adquisición de propiedades inmobiliarias na nosa terra por parte de británicos e de españois, principalmente.
 
O sábado era o FT o que explicaba nas súas páxinas como a construción descontrolada na costa mediterránea ibérica estaba a provocar que "os inversores estranxeiros mostren un interese crecente por Galiza", da que o periódico destaca que conta con "algunhas das mellores praias e dos máis fermosos paisaxes de España" con "grandes extensións de bosques de piñeiros e de eucaliptos".

"Galiza é unha área dunha beleza natural extraordinaria en xeral, con vales arborados no interior, con clima morno no verán e invernos en ocasións bastante fríos", apunta Clive Robbins de Blakemore Walker Chartered Surveyors, axencia inmobiliaria especializada no norte peninsular. Robbins salienta "o Val do Miño, popular nos últimos anos grazas a súa famosa cultura vitivinícola".

Ademais, o FT reproduce o testemuño dunha parella de Staffordshire, no oeste de Inglaterra, que comprou unha casa en ruínas, de 1860, perto de Monforte de Lemos, por 145 mil euros. Recoñecen que "probabelmente pagaron algo de máis" por ela, aínda que o máis caro foi a restauración. No entanto, confesan estar contentos no lugar que comparan co Lake District.

O xornal advirte os potenciais compradores que teñan en conta as leis específicas que existen en Galiza, por exemplo, que "en determinadas terras do rural un propietario lindeiro pode ter o dereito a mercar". Tamén, recorda que o mercado de aluguer é "mínimo".

Aldeas enteiras á venda

E esta cuarta feira foi o diario El País o que se fixou na particular situación de moitas aldeas galegas "que quedaron en desuso para os seus habitantes, aqueles que, co éxodo rural dos anos 60, acabaron por abandonar definitivamente os seus fogares e marchar á cidade".

Neste senso, destacan que é nas comarcas do nordeste do país onde "máis se acusou esta escapada, con máis de 600 aldeas despoboadas, cifra que vai en aumento co paso dos anos". Para ilustrar o fenómeno, puxéronse en contacto con Ignacio León, da web www.aldeasabandonadas.blogspot.com, un portal que serve de intermediario entre vendedores e comprador.

"Coñecemos a demanda que existe e intentamos aforrarlle ao comprador o papelorio e o tempo que leva atopar os propietarios, que en moitos casos non saben que teñen unha casiña na aldea", afirma León. Moitos deciden investir, adquirindo núcleos completos, tanto para vivir como para negocio hostaleiro.
 
Porén, informa o xornal madrileño, "non son os galegos precisamente quen ven interesante este mundo; é a xente de fóra, das grandes cidades sobre todo, a que atopa un valor atractivo neste negocio". Ignacio León asegura que adoitan ser "matrimonios novos e emprendedores", que foxen de grandes cidades.


5/5 (10 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: