Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Fronte aos problemas de financiamento

Mirando a crise pasar: a Xunta di que as pemes non necesitan cartos

Desde o Goberno aseguran que teñen 200 mil euros "sen dono" a disposición das microempresas. O autónomos consideran que o executivo vive fóra da realidade.

R.N - 09:30 11/12/2009

Non é a primeira vez que o actual conselleiro de Economía e Industria, Xavier Guerra, alude á suposta falta de demanda de axudas por parte de emprendedores, autónomos e pemes. Esta última aconteceu na recente feira de mostras da Coruña (FEMAGA 2009), evento organizado pola Federación de Autónomos de Galicia. Aló, e fronte ao estupor dos presentes, o conselleiro falou de 200 mil euros "sen dono" que seica hai na caixa da administración a disposición dos autónomos e pemes ao abeiro dos programas bautizados "re-brote" e "re-solve". Mesmo falou Guerra de "malestar" e "preocupación" diante do que, ao entender da Xunta, sería unha falta de interese para aproveitar estas axudas.

Desde a confederación estatal de autónomos e profesionais (CAYPE), o seu presidente, o coruñés Eliseo Calviño, censura a confusión promovida pola Xunta con este tipo de afirmacións. Vista así a cousa calquera diría "mira que pardillos estes que teñen cartos á súa disposición e ninguén vai por eles", láiase Calviño, recordando as advertencias constantes do empresariado ao respecto dos problemas de liquidez. Os reproches do representante dos autónomos comezan pola propia cifra mencionada polo conselleiro, 200 mil euros, cantidade que sería ridícula á luz dos verdadeiros e "graves" problemas de financiamento. Deseguido, apunta a realidade da situación: "Hai que pasar polos bancos primeiro, e as entidades miran para outro lado, polo que os autónomos, cansos destas mangalladas, prefiren non perder o tempo con estas cousas".

"Brinde ao sol"
Neste contexto, láiase Calviño de que este tipo de programas, deseñados xa polo executivo anterior e que desta volta simplemente cambian de nome acaban sendo un "brinde ao sol". "Son préstamos nos que a Xunta di que che avala, pero pasan antes polo filtro do banco, e o banco en canto ve unha débeda dáche case sempre as costas", sinala, advertindo do enleado proceso. "Cando estás coa auga ao pescozo o que cómpren son medidas áxiles", subliña o voceiro dos autónomos.

Neste contexto, reclama o representante de Caype maior vontade de presión das administracións sobre as entidades financeiras. "Calquera goberno ten abondo poder de persuasión", indica Eliseo Calviño, quen di ver unha falta de compromiso e estratexias prácticas na administración malia o grave escenario de crise. Alén da inexistencia de presión sobre bancos e caixas, opina o portavoz dos autónomos galegos que non hai apenas esforzo por resolver un dos problemas fundamentais do pequeno empresariado do país: os millóns de euros que as administracións locais cos petos furados lle deben a milleiros de empresarios. E resume: "Que politiqueen menos e que gobernen máis... senón é como ter un tío rico nas Américas que nunca se acorda de nós...".


5/5 (3 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: