Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Proposta da Xunta para as caixas

O PSdeG insiste no SIP pero ábrese á fusión

Os socialistas felicitan que a Xunta "bloquee alianzas externas" das caixas.

Redacción - 18:45 02/12/2009

Unha vez confirmada a aposta da Xunta pola fusión de ambas as dúas entidades , que tamén trasladou a sindicatos e patronal, o secretario xeral do PSdeG, Manuel Vázquez destacou que "hoxe se sabe moito máis que onte" sobre o futuro das caixas de aforro galegas, posto que se despexaron varias "incógnitas".

Neste punto, subliñou o "compromiso" da Xunta de "bloquear" alianzas de Caixa Galicia e Caixanova con caixas foráneas, o que, ao seu entender, "acouta un escenario moi importante" relacionado coa galeguidade; e o "acordo" para a redacción dun informe por unha consultora "independente", que servirá para "despexar a incógnita da solvencia". "Este escenario dános maiores garantías, pero tamén nos obriga e compromete", sinalou.

Convite a que as caixas exploren "un camiño compartido"
Despois de que o presidente do Goberno autonómico anunciase que encargará senllas auditorías externas da situación das caixas galegas "para certificar a solvencia económica e financeira", o secretario xeral do PSdeG entendeu que esta opción "abre un novo escenario". Ao seu xuízo, este documento permite que "non quede soa" ningunha opinión, polo que outorgará "forzas e garantías" para "camiñar xuntos" por "un camiño de unión". Neste punto, retomou a súa aposta por un sistema institucional de protección (SIP) que albergue as dúas caixas galegas mantendo estas as súas respectivas marcas e identidade xurídica, aínda que abriu a porta a "atopar puntos de confluencia e colaboración".

"Agora imos traballar con máis datos, con opinións non só de parte, senón consensuadas", evidenciou o socialista, quen interpretou este feito como "importante" de cara a "lograr a alianza final", é dicir, un SIP no que ambas as dúas entidades "puxesen en común a maior parte dos elementos" ou unha fusión, que sería "desexábel se todas as partes coincidisen en que ese é o xeito". Manuel Vázquez apostou por utilizar as próximas datas para "incentivar unha política de alianzas entre as caixas galegas" e para poñer en valor "o que une". "Creo que a auditoría vai servir para explorar un camiño compartido", concluíu o secretario xeral do PSdeG.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: