Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Galego.org

Xestionado por Vieiros
RSS de Galego.org
OS EXPERTOS FALAN NO CCG

"A cuestión lingüística non tivo ningún peso no resultado electoral"

O sociólogo Fermín Bouza apela ao necesario consenso para evitar que o galego perda falantes e alerta sobre os perigos de facer da lingua unha cuestión política. Vídeo no interior.

Isabel G. Couso - 18:45 01/12/2009
Cartaz das xornadas do CCG

Cartaz das xornadas do CCG

A situación sociolingüística de Galiza, a súa evolución recente e as fórmulas desexábeis para o futuro están a centrar un foro de debate que estes días se celebra no Consello da Cultura Galega (CCG) en Compostela. Os expertos, sociólogos, historiadores e lingüistas, reflexionan sobre unha cuestión que adquire crecente importancia no contexto mediático, mais tamén no político. Sobre a dimensión pública deste tema falou Fermín Bouza, sociólogo e catedrático de Opinión Pública na Universidade Complutense de Madrid (UCM) co que quixemos falar en Vieiros.

O peso electoral da cuestión lingüística
Se botamos man das análises estatísticas e sociolóxicas, "non hai ningún dato que referende a opinión de que as cuestións lingüísticas tiveron un peso específico na perda de poder do bipartito". Así o explica Bouza, quen tira esta conclusión das cifras do preelectoral do Centro de Investigacións Sociolóxicas (CIS) co gallo das eleccións galegas. "Cando observei estes datos tiven unha sorpresa positiva se os comparaba con outros datos coñecidos: amosaban unha clara recuperación do galego como lingua inicial", explica.

A isto engádese a cuestión de filiación ou posicionamento político. Só no caso dos votantes de UPyD ou PSdeG, un número significativo dos seus votantes refire o español como lingua inicial, cun 53,3% e 33,2% respectivamente. Porén, no caso do PPdeG, un 62,3% das persoas que amosan a súa intención de votalos recoñece que a súa lingua inicial éi o galego. Esta estatística é superior á de calquera outra forza política: o 59% dos votantes do BNG; un 53% dos que pensan votar ao PSdeG ou un 40% dos que confiarán en Esquerda Unida.

Pois ben, se botamos un ollo ás mesmas estatísticas da enquisa poselectoral, os resultados non son moi diferentes. Por exemplo, entre os votantes do PPdeG, o 53% recoñecen o galego como lingua inicial unha variación de tan só 9,3 décimas. A isto engádense outras estatísticas que revelan que o tráfico de votos que do bipartito foron parar ás bancadas conservadoras non tiñan malestar lingüístico algún nin consideraban este factor á hora de dirixirse ás urnas.

Lingua de prestixio fronte a lingua de oportunidade
Para explicar a "caída libre" de falantes na que está inmersa a lingua galega, Bouza apela a un concepto diferente ao de lingua de prestixio. "É certo que temos un fenómeno diglósico no que se identifica un idioma cunha clase e cun prestixio social, mais iso non é de todo certo e non ofrece todas as respostas ao problema", explica. "Hai que sinalar que condutas aparentemente galegófobas no castelán-falante medio obedecen non tanto a ideas de prestixio como ás de oportunidade".

Nesa liña, subliña que actualmente o galego tamén ten certas connotacións de prestixio (fornecido polas elites universitarias e ilustradas), porén "iso non se traduce na percepción de que o noso idioma nos ofrece máis oportunidades de futuro". "A conciencia popular segue repetindo os clixés de que é necesario empregar o castelán para chegar a algo", por tanto o camiño a emprender é o de "elevar a lingua galega á categoría de lingua de oportunidade".

Bouza explica o pequeno repunte de galego-falantes nos últimos anos cos avances neste eido. "O galego gañou espazo como lingua de oportunidade en canto foi un requisito indispensábel para as oposicións", afirma. O eido público comezou a demandar un coñecemento do noso idioma e, en consecuencia, contribuíu a que adquirise unha maior categoría na conciencia cidadá. Porén, os últimos pasos dados polo actual Goberno anulando a obrigatoriedade de coñecer a nosa lingua para presentarse a uns exames públicos, levarán canda si unha previsíbel perda de falantes: actúase en sentido contrario ás políticas que favoreceron aquel repunte, é dicir, "o galego deixa de ser lingua de oportunidade".

Axenda pública e necesario consenso
Para situar o tema no seu propio contexto, Fermín Bouza insiste en que actualmente "a cuestión lingüística é irrelevante dende o punto de vista político, aínda non está na axenda pública nin a cidadanía o concibe como un problema de primeira orde". En consecuencia, adianta que "non podemos aplicar conceptos políticos" para reconducir a situación, senón técnicos: "é un erro darlle solucións políticas a un problema que non é estritamente político", insiste, "se ben ten derivacións neste ámbito". En consecuencia, Bouza alerta sobre os perigos de situar o debate na grella política. "Se vivimos este tema cunha constante tensión política, perdemos todos", afirma, "se a cidadanía comeza a percibir que detrás da batalla lingüística hai unha batalla política, a causa está perdida".

A única solución posíbel á actual situación de debate sobre a lingua é, para Bouza, o consenso. "É fundamental unha estratexia de acordo, na que primen aspectos técnicos, e que pasen porque o galego recupere o seu estátus de lingua de oportunidade, isto é, que volva ás Administracións". Esa é a mínima exixencia que considera que debería asumir o actual Goberno, outra cousa é as probabilidades de que isto ocorra e cal puidera ser a contrapartida. "Vai ser difícil contentar a todas as partes", adianta, "mais o consenso é necesario".


Ligazóns

5/5 (29 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Vídeo: Fermín Bouza reflexiona sobre a situación lingüística de Galiza e a súa repercusión política

Fermín Bouza, na súa intervención no Consello da Cultura Galega
Fermín Bouza, na súa intervención no Consello da Cultura Galega
Albert Branchadell Gallo e Antón Baamonde, noutro momento do Seminario
Albert Branchadell Gallo e Antón Baamonde, noutro momento do Seminario