Os menores de 30 anos só constitúen o 3,4% dos fogares galegos e Lugo sería a provincia con máis mocidade emancipada.
Cada vez son máis os maiores que viven sós: dous de cada dez fogares están compostos por persoas de 65 anos ou máis
O 73,2% dos mozos con idades comprendidas entre os 18 e os 29 anos viven cos seus pais. Así se desprende da última enquisa sobre condicións de vida das familias feita publica polo Instituto Galego de Estatística (IGE). Nestes datos, referidos ao ano 2007, cífranse en 33.720 os fogares que están constituídos por integrantes de menos de 30 anos, o que supón o 3,4% do total.
Se ben a taxa de emancipación é similar en todas as provincias, Pontevedra é na que máis mozos continúan a vivir cos pais (74,5%), seguida de Ourense (73,9%), A Coruña (72,6%) e Lugo (70,4%).
Maiores sós
Outra conclusión que se pode tirar do informe é que, cada vez, máis maiores viven sós. Dous de cada dez fogares galegos están compostos por persoas de 65 anos ou máis, o que representa o 20,2% do total de Galiza. Neste caso Ourense é que rexistra unha maior porcentaxe composta por este colectivo (30%), seguida de Lugo (25,9%), A Coruña (18,1%) e Pontevedra (16,6%).
En función desta estatística, a tipoloxía do fogar galego está representada por unha parella con fillos, o que supón o 34,8% dos casos. Mentres, os fogares constituídos por unha parella sen fillos supón o 22% e o 18,8% son unipersoais.
Ingresos familiares
Ao rematar 2007, os ingresos medios dos fogares galegos alcanzaban os 2.026 euros ao mes. No 57,1% dos casos, estes cartos procedían do traballo por conta allea e o 13,1% por conta propia. Mentres, o 27,4% dos ingresos proveñen de prestacións e o 2,3% de rendas e outros ingresos.
En concreto, o 18,6% dos ingresos do traballo en Galiza proceden do sector da industria e a enerxía, seguidos do comercio e da hostalaría (17,2%) e da sanidade e educación (15,4%).
Por xénero, as mulleres reciben a maior parte dos seus ingresos da educación e a sanidade (26%), seguida do comercio e hostalaría (22%). Porén, para os homes, a industria e a enerxía supoñen a súa maior fonte de ingresos (22,2%), seguida da construción (18,9%).