Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Fwwwrando

RSS de Fwwwrando
Renovábeis

O noso mar, unha potencia (enerxética)

Dous investigadores da USC publicaron un estudo que demostra a eficiencia das ondas da Costa da Morte e de Bares.

Redacción - 09:00 01/12/2009

Dous estudos de investigadores lucenses publicados na revista Renewable Energy demostran que as ondas do mar do país son as mellores para producir enerxía. Os traballos de Gregorio Iglesias e Rodrigo Carballo, da Escola Politécnica Superior de Lugo, aseguran que en Estaca de Bares e na Costa da Morte está o maior potencial para instalar sistemas de aproveitamento enerxético.

O potencial enerxético da Costa da Morte acada os 50 quilovatios por metro de auga, mentres que en Estaca de Bares supera os 40. Para chegar a estes datos, os investigadores do campus lucense da USC analizaron o clima marítimo nas augas profundas en vinte puntos da costa galega, con datos sobre o réxime de ondas ao longo do tempo.

Segundo Gregorio Iglesias, as ondas poden ser unha importante fonte de enerxía renovábel e contribuirían a reducir a emisión de gases de efecto invernadoiro e a cumprir o protocolo de Quioto. A enerxía producida polas ondas, denominada undimotriz, pódese xerar con boias, columnas ou pozos herméticos comunicados co mar. Malia a súa potencialidade, aínda non existen no país instalacións que operen de xeito comercial nin experimental.

O equipo dos investigadores da USC deseñou un sistema de xeración de enerxía das ondas, denominado WaveCat, e que consiste nunha estrutura flotante de aceiro que incorpora turbinas para producir electricidade. Seguen a traballar na mellora da súa eficiencia e constrúen un prototipo a escala para probalo nun tanque de ondas.


4,33/5 (6 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: