Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Irimia

Xestionado pola Asociación Irimia
RSS de Irimia
Editorial

As Caixas dos tronos

Asistimos desconcertados a esta maraña de novas sobre o futuro das dúas caixas de aforro galegas. Malia a animadversión que xeran as entidades de aforro (tanto caixas como bancos), todos somos conscientes do papel fundamental que teñen no bo funcionamento da nosa economía. Sen entidades que garantan e invistan os nosos aforros, e aporten financiamento ás familias e ás empresas, unha sociedade non pode funcionar. A crise que vimos sufrindo neste último ano demóstranos que sen un bo sistema financeiro a economía se esfarela. Se non nos confían os seus cartos, nin crecemos nin podemos crear emprego.

Redacción - 14:16 29/11/2009
Tags:

E o que vale para todos vale para Galicia. O noso país require de entidades de crédito que non só saiban gardar os nosos cartos, senón que fagan unha aposta decidida pola economía produtiva galega e polo gasto social. A posibilidade de que nas decisións das caixas participen políticos a través dos seus consellos de administración ofrece posibilidades esperanzadoras para que os fins delas sexa máis social, pero demasiadas veces uns resultados desconsoladores ao ver como se utiliza ese poder.

Aínda así, cómpre lembrar que se comparamos a parte dos seus beneficios que dedican as dúas caixas galegas a gasto social resulta que é moi superior á que aportan a maioría das caixas de aforros do Estado. Ademais, é evidente o arraigo social que estas dúas caixas teñen na nosa terra, estando presentes en moitos proxectos económicos que benefician a nosa saúde económica. O seu incerto futuro non fai presaxiar ningún resultado bo. Ante a imperiosa necesidade de buscar aliadas, Caixa Galicia e Caixanova teñen problemas diferentes, necesidades parecidas e (parece) respostas incompatibles.

O peor que nos pode pasar é que nuns anos as nosas dúas entidades de crédito sexan absorbidas por caixas foráneas que vaian paseniñamente adecuando os fondos das caixas galegas a obxectivos que en nada van coincidir coas necesidades galegas. Perdida a decisión sobre o seu funcionamento e desarraigadas do seu entorno, se o seu presente é preocupante, o noso futuro pode ser penoso.

Porén, a fusión das dúas caixas supoñería un duro revés para moitos traballadores que sen dúbida perderían seus postos, polo que sería desexable un proceso suave de transición e con sentido social.   En calquera caso esta cuestión preséntase como o gran desafío de Feijoo que debería reaccionar fronte aos movementos do PP madrileño de liquidar as “caixas autónomas” e desafiar os enfados de Rajoy con aqueles que atrancan as absorcións das caixas periféricas polas grandes caixas españolas.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: