Os colectivos a prol da igualdade de dereitos das persoas inmigrantes anuncian actos de protesta e sensibilización o 18 de decembro, Día Mundial das Migracións.
O Foro Galego de Inmigración lamentou a aprobación definitiva la Lei de Estranxeiría, por considerar que as achegas introducidas na súa tramitación parlamentaria son insuficientes. Segundo o foro, aínda que se amplían as medidas cautelares alternativas ao internamento e se estabelece a vixilancia xudicial concreta sobre os centros de internamento, "mantense a intolerábel ampliación do tempo de estancia neses centros de 40 a 60 días".
Para o Foro Galego de Inmigración, tampouco se introduciron melloras substanciais na garantía dos dereitos das mulleres inmigrantes que sofren violencia de xénero. Tamén lembra que a lei insiste en criminalizar as persoas inmigrantes en situación de irregularidade administrativa e mesmo as persoas que as axudan o que, segundo o foro, pode facilitar que esas persoas caian en mans de redes de explotación laboral ou de prostitución.
Actos de protesta e sensibilización
O 18 de decembro, Día Mundial das Migracións, o Foro Galego de Inmigración vai promover actividades en todo o país para amosar a súa oposición a este cambio na lexislación, e para seguir a sensibilizar e concienciar a poboación a prol dunha nova sociedade intercultural con igualdade de dereitos.