Un seminario anima os empresarios a etiquetar os seus produtos en galego e aos consumidores a demandalos.
O Foro Peinador chama aos empresarios a empregar a lingua como valor engadido nas súas etiquetas
A etiquetaxe dos produtos alimentarios en galego e o seu valor engadido. Sobre este tema versará un acto organizado polo Foro Peinador este xoves no Centro Cultural da Deputación de Ourense. O obxectivo desta xornada, segundo nos explica o presidente deste colectivo, Xosé González, é dobre: dunha banda animar ao sector empresarial a escoller a nosa lingua para as súas etiquetas e, da outra, concienciar aos consumidores da repercusión que pode ter a súa compra selectiva atendendo a criterios lingüísticos.
O galego, valor engadido empresarial
O Foro Peinador quere facerlle chegar ao empresariado que "no mercado globalizado no que vivimos, sigularizar os produtos é fundamental e aí ten un papel importante o galego, en canto que elemento diferenciador e identitario". O reto é alentar ao dirixente dunha empresa para que etiquete os seus produtos na lingua do país, ben sexa pola súa sensibilidade cara a Galiza, ben pola procura de resultados económicos.
E, unha vez máis, González insiste en que a estratexia debe ser "amábel e discreta". "Os empresarios non queren luz e taquígrafos para falar de cuestións lingüísticas, non queren sentirse coaccionados", explica, "nós comprobamos diariamente que non hai tanta animadversión do mundo empresarial ao galego como se pensa, pero non apostarán por ese camiño se ven que hai tanta tensión ao respecto, e aí teñen un papel fundamental os medios de comunicación".
Con esta concepción de fondo, o Foro pretende "derrubar o prexuízo de que etiquetar en castelán ofrece algún tipo de vantaxe para exportar ou vender fóra". Asemade, queren explicar que a etiquetaxe en galego "non resta calidade nin compradores aos produtos", para o que poñen como exemplo o incremento substancial de publicidade que emprega o idioma como valor engadido: "neste último ano aumentou exponencialmente o número de anuncios televisivos que, por exemplo, empregan o francés para ofrecer perfumes ou colonias, e cuns magníficos resultados", explica González.
Os consumidores, a última palabra
O outro eixo sobre o que pivotará este seminario é o do consumo. "Queremos lanzar aos consumidores preocupados pola sorte da lingua galega que este interese non se debe manifestar só nas prazas públicas cando a situación política o demanda", adianta González. Nesta liña alenta aos cidadáns, en tanto que consumidores, a adherirse ao principio de discriminación positiva nas súas compras: "a igual calidade, mercar en galego".
"En canto os empresarios advirtan esa demanda ou comproben unha baixada porcentual de vendas porque non etiquetan en galego, haberá un paso adiante nesta dirección". González fai así un chamado á cidadanía a "asumir a demanda dunha política de normalización con naturalidade e sen estridencias, a través dunha constante defensa do galego na vida cotiá". Ademais de criticar aos políticos de cada momento pola súa falta de acción a prol da nosa lingua, entende que "temos que ser nós quen subsidiariamente elaboremos un novo discurso que fuxa da confrontación e a belicosidade e asumamos o noso papel como cidadáns galegos".