Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
DIFERENCIACIÓN POR SEXOS

A loita contra a segregación nas aulas volve á rúa

Os sindicatos do ensino protestan contra o financiamento público dos colexios que "lexitiman e reproducen activamente a discriminación contra as mulleres".

Redacción - 11:00 25/11/2009

"A escola ten unha responsabilidade especial en deslexitimar a violencia simbólica exercida contra a muller". Así o consideran os sindicatos do ensino, CIG, CCOO, UXT e STEG, que este mércores se manifestaron perante a Consellaría de Educación en protesta contra a achega de fondos públicos aos colexios que segregan ao seu alumnado en función do seu xénero. Nun comunicado conxunto consideran "indignante que un Goberno do século XXI financie centros de ensino que reproducen activamente a discriminación contra as mulleres expresada do modo máis flagrante: a segregación por sexos".

Unha forma de discriminación

Esta concentración exixiu a eliminación dos concertos educativos cos centros que levan a cabo estas prácticas de segregación e que esas partidas se destinen á prevención da violencia contra as mulleres. Nesa liña, critican a "inhibición nas súas obrigas" do Goberno, que "utiliza a idea de liberdade das nais e dos pais para xustificar prácticas de discriminación que conculcan os dereitos das nenos e dos nenos".

Finalmente, alertan sobre as consecuencias que ten este ensino diferenciado: "unha escola que segrega por sexos non é garante do fomento e o desenvolvemento da igualdade dos dereitos entre homes e mulleres nin contribúe á cohesión social".

As escolas católicas contestan
Pola súa parte, algúns colectivos de Escolas Católicas e as federacións de centros privados (CECE) e de pais e nais (FAGA) reiteraron que a educación diferenciada por sexos "non equivale a discriminación" e lamentaron as críticas dos sindicatos maioritarios no ensino. "Non parecería xusto", din, "que os poderes públicos discriminasen aos centros que optan por un modelo pedagóxico debidamente contrastado nin as familias que o elixen".


Ligazóns

5/5 (5 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: