Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
"Cómpre recoñecer a laicidade do Estado"

STEG: "Rouco Varela mente e falsea a realidade educativa"

O sindicato retruca as declaracións do presidente da Conferencia Episcopal española sobre a "crecente violencia nas aulas" e a "educación sexual sen criterios morais".

Redacción - 17:35 24/11/2009
O Estado incumpre acordos, di a Igrexa

O Estado incumpre acordos, di a Igrexa

Durante a apertura da XCIV Asemblea Plenaria da Conferencia Episcopal española, este luns, o seu presidente realizou un discurso que centrou na crise económica e nos "graves problemas" que afectan o sistema educativo, e denunciou que "se están a incumprir" os acordos sobre Educación e Asuntos Culturais entre a Santa Sé e o Estado.

Para Antonio María Rouco Varela, "o fracaso escolar", a "crecente indisciplina e violencia nas aulas", a "perda de autoridade dos profesores" e unha "educación sexual impartida sen criterios morais", "deben ser revisados con criterios de eficacia pedagóxica".

Fronte a estas declaracións, o sindicato do ensino STEG emitiu un comunicado en que sinala, en primeiro lugar, que "os Acordos que o Estado español asinou coa Santa Sé deben ser denunciados como anticonstitucionais e, xa que logo, anulados".

En segundo lugar, consideran que "o discurso da perda da autoridade e da violencia nas aulas non se corresponde coa realidade", polo que -entende- "estamos ante o discurso habitual na dereita co que se pretende degradar o prestixio da escola pública fronte aos centros privados ou controlados polas institucións relixiosas onde só aparentemente reina a orde".

En terceiro, o STEG denuncia: "Alén de que nun estado aconfesional a relixión debería de permanecer fóra das aulas, dende o STEG acusamos ao cardeal Rouco Varela de mentir descaradamente e de falsear a realidade.

"Discriminación" do alumnado de Atención Educativa

Por último, o sindicato considera que "se hai algún alumnado discriminado e marxinado nos centros público, -xa non digamos nos centros concertados, onde en moitas ocasións non é posíbel estudar a alternativa á relixión-, é o alumnado que cursa Atención Educativa, que habitualmente ten que ser desprazado da súa clase e que é tratado como un caso raro entre unha maioría que por hábitos e conveniencias sociais opta por ser adoutrinado na relixión católica".

Neste senso, reflexionan que "a Igrexa sempre actuou como se estivese á marxe das institucións políticas e das leis que nós mesmos nos demos e que rexen o funcionamento da nosa sociedade". "Fronte a esa actitude -din- cómpre recoñecer a laicidade do Estado, pois o Estado confesional, como estamos a ver coa súa actitude e como ben sabemos polo noso pasado recente, caracterízase pola subordinación do Estado aos ditados relixiosos".
 
Nun Estado confesional, a Igrexa -conclúen- "obriga ao cumprimento dunhas normas que non emanan precisamente da vontade do pobo nin da nosa propia experiencia ou coñecemento científico e racional, senón que reflicten os intereses dunha minoría con capacidade para interpretar os desexos e a vontade dun ser sobrenatural".


4,33/5 (6 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: