O voceiro de Economía do grupo do BNG, Fernando Blanco, dixo que son "as contas da resignación" e da "insolvencia".
Para o voceiro do Bloque este luns na Cámara, o deputado lugués Fernando Blanco, o feito de que o propio presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, non saíse "defender" as contas do seu Goberno para 2010 ao Parlamento, evidencia que "nin lle gustan nin ten o valor para dar a cara por elas". Blanco dubidou de que sexa un proxecto que poida dar resposta ás necesidades dos cidadáns e subliñou que "non son uns orzamentos para a crise". Nesa liña, acusou o executivo de "paralizar o tempo de Galiza".
O deputado nacionalista criticou especialmente que o Goberno cualifique de "sociais" estas contas, lembrando que a primeira medida adoptada foi suprimir o complemento das pensións non contributivas e introducir recortes nos principais eixos do benestar, "incluso a Sanidade, malia as dificultades que está a atravesar, sofre un recorte dun 38%", laiouse. "Por non falar das privatizacións, que máis que privatizacións, ademais, podiamos dicir que son espolios", censurou. Fernando Blanco queixouse ademais de que sexa a primeira vez na historia que diminúe a partida para Educación e, indicou por exemplo o caso da área de Pesca, onde se produce a baixada máxima, dun 11%, "recortando incluso na seguridade dos mariñeiros", algo que dixo agardar que se corrixa nas emendas, nomeadamente no referido á supresión do helicóptero de salvamento na Costa da Morte.
Como exemplo da ausencia de rigor denunciada, Blanco chamou a atención sobre o feito de que non coincidan as cifras do proxecto entregado no Parlamento cos do proxecto que recolle a web da consellaría. O voceiro do BNG cualificou así estes orzamentos de conxunto "esfiañado" de ideas e proxectos pero "sen medidas concretas nin respostas para a cidadanía e os sectores produtivos". Ao respecto, sinalou o caso do sector lácteo como exemplo de sector "que o está pasando especialmente mal" e denunciou que a Xunta non sexa quen de achegar ningún plan específico. "E por riba o conselleiro está ilocalizábel", laiouse.