Para os socialistas, as contas presentadas á Cámara achegarán "menos prestacións sociais, menos investimentos públicos, máis débeda e máis paro".
"A realidade é que nos endebedamos en 2 mil millóns de euros para subir un 20% a taxa de desemprego", reprochoulle este luns no Parlamento ao grupo maioritario do PPdeG o secretario xeral do PSdeG, Manuel Vázquez. Para o líder dos socialistas o mellor exemplo da errada estratexia do PP desde o executivo sería a redución de 34 millóns de euros en partidas para a promoción do emprego. "Van colocar este país na dirección contraria á que camiñan a Unión Europea e as economías modernas", laiouse Manuel Vázquez, acusando os populares de teren "paixón por mentir" e achegaren "cifras falsas" sobre o crecemento económico en Galiza.
"En sete meses construíu o peor dos escenarios social e económico para Galiza", reprochoulle Vázquez ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo. O secretario xeral dos socialistas censurou que Feijoo receitase "gañar peso pero perder fondos" e subliñou que "en política social e económica hai que pagar con fondos e non con peso". De forma concreta, Manuel Vázquez sinalou que nas áreas de ensino, sanidade e promoción do emprego, o recorte chegará nestes orzamentos a un total de 100 millóns de euros en relación ás contas do ano pasado, elaboradas daquela polo goberno de socialistas e nacionalistas. "Atacan o cerne da sociedade galega dinamitando a política social deste país, levando a que por primeira vez na historia da democracia recortan a educación e a sanidade".
Convite ao pacto
O secretario xeral do PsdeG propúxolle aos populares un pacto polo emprego e o territorio en Galiza. Ao fío, criticou que o Goberno non se esforce no diálogo social e non escoite "a ninguén". "Ten o diálogo narcotizado, porque non lle interesa, pero en realidade non van a ningún sitio solos e sen diálogo para resolver os problemas de Galiza". "Sairemos do burato no que nos están metendo, pero traballando en contra das políticas que propoñen", advertiu así e todo.
Para o líder dos socialistas, con este proxecto de orzamentos o PPdeG "perdeu a oportunidade de sentar as bases do que debe ser un modelo de economía sostíbel, que é o que hai que aplicar para saír desta crise e ir cara un modelo de sostibilidade económica, ambiental e social". "Nestes orzamentos non cren nin vostedes porque non teñen nin a máis mínima posibilidade de transformar este país, sentan as bases para destruír a política social e carecen de investimento produtivo", engadiu.