Virxinia Rodríguez foi elixida nova presidenta da asociación ecoloxista, que se reuniu en Agolada.
Virxinia Rodríguez xa é a nova presidenta de Adega
ADEGA (Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza) renovou este sábado a súa directiva durante a 34 Asemblea Xeral Ordinaria, que tivo lugar en Agolada. A nova presidenta será Virxinia Rodríguez, até agora secretaria xeral da organización ecoloxista.
Na asemblea aprobouse pedirlle á Xunta de Galicia que leve a cabo unha expansión da Rede Natura 2000, cuxa extensión ADEGA considera insuficiente, e para poñela ao nivel de protección doutras áreas do noso contorno. Nese senso, avogou por que se tomen as medidas necesarias para que se defendan e promocionen os espazos protexidos, de xeito que, como acontece en Asturias ou en Portugal, as persoas residentes nesas áreas se sintan orgullosas de séreno.
Outra das peticións que se acordou trasladarlle ao Goberno é que defenda efectivamente o litoral fronte ao urbanismo e as piscifactorías e darlle un toque de atención sobre as ameazas da nosa costa. Por último, ADEGA exixirá que se cumpra a Lei de defensa dos ríos de Galiza, xurdida dunha Iniciativa Lexislativa Popular e aprobada no Parlamento por unanimidade ao comezo da anterior lexislatura. A asociación ecoloxista amosou a súa preocupación polo feito de que os ríos se estean a converter nun centro de produción de enerxía para a especulación e propuxo que non se proxecten máis encoros.
De feito, para reivindicar a defensa dos ríos, ADEGA Lugo organizou este domingo unha ruta polo Alto Ulla, a través do camiño real, partindo dende o castelo de Pambre e seguindo o "roteiro irmandinho" até enlazar coas torrentes de Mácara-Ramil, que estiveron ameazadas polo encoro de Frádegas.