Acusan a Orozco de non ter interese pola recuperación da memoria histórica e recordan que outros concellos xa retiraron este tipo de distincións.
O Concello de Lugo mantén a Francisco Franco como Alcalde Honorario
"É como se hoxe en día Hitler seguise a ser alcalde honorario de Berlín", comparou Xosé Anxo Laxe, voceiro do BNG en Lugo. Mentres outros concellos como o de Ferrol ou o de Sada, a propia Deputación de Lugo ou institucións como a Universidade de Santiago xa deron o paso de retirarlle distincións a Francisco Franco, os nacionalistas denuncian que o ditador siga a ser Alcalde Honorario da cidade.
No trixésimo cuarto cabodano da morte de Franco, o BNG explica que o goberno municipal de Xosé López Orozco segue sen executar unha moción aprobada en pleno no pasado mes de abril de 2006 para retirarlle ao ditador este recoñecemento concedido no ano 1942. Laxe considera que "manter a Franco como alcalde honorario é unha cuestión anacrónica e inaceptábel en democracia e vai en contra do espírito da Lei de Memoria Histórica".
Os nacionalistas, ademais de exixir que se dea cumprimento ao acordo plenario, piden que se elabore un novo Regulamento Municipal de honras e distincións, xa que o actual data da época franquista. Como exemplo do anacrónico que pode resultar, subliñan que a Medalla de Ouro da cidade pode ser concedida aos santos ("Atendendo ao profundo sentemento católico que informa a vida do noso pobo (...) queda estabelecido que, en especiais circunstancias, poderá a Corporación municipal conceder a Medalla de Ouro da Cidade ás Imaxes do Santos").