O alcalde socialista, Fernando Fernández, foi acusado de dar prioridade á protección ambiental de Trevinca sobre a construción dun parque eólico.
Concello da Veiga
A décima moción de censura desta lexislatura xa está en marcha. Logo de Santa Comba, Trives, Mos, Abegondo, Gondomar, Silleda, Láncara, Folgoso e Porto do Son, a quenda chegoulle ao concello ourensán, até o de agora gobernado polo PSdeG.
As últimas eleccións municipais deron como resultado neste municipio catro edís para o PPdeG, tres para o PSdeG e dous para a Agrupación Electoral Independente (Aeive). Estes últimos, escindidos dos populares, decidiron apoiar aos socialistas para formar goberno. Porén, agora, este grupo, liderado por Víctor Yáñez (quen fora tenente de alcalde no último goberno popular) decidiu regresar ás súas orixes, mudar a súa estratexia e apoiar a Edesio Yáñez (PPdeG) como candidato a substituír no cargo ao actual rexedor.
Acusacións de "ecoloxismo radical"
Populares e independentes acusaron ao actual alcalde, Fernando Fernández (PSdeG), de ser un "ecoloxista radical", cuns intereses que son "incompatíbeis co desenvolvemento económico do concello. Así o cualificou o independente Vítor Yáñez, quen dixo "quere gobernar unha zona bucólica e pastoril, mais sen ovellas".
Estas acusacións teñen a súa orixe na falta de apoio por parte do alcalde á construción dun parque eólico en Trevinca. "Eu son partidario da conservación da Veiga", explica Fernández a Vieiros, "a día de hoxe é un referente de natureza ben conservada e hai que mantelo así por enriba de todo". Ademais, a decisión do rexedor de suprimir a tradicional feira de caza Trevenatio, que foi substituída por un festival gastronómico, o Trevinca Folk, tampouco foi do gusto de independentes e populares.
Mais as críticas dos responsábeis da moción non rematan aquí. "Provén do ámbito sindical", apóñenlle a Fernández. "As súas tendencias cara o ecoloxismo foron en aumento dende que é alcalde", explica Víctor Yáñez. "Nós cremos que as políticas sociais e protexer o medio ambiente está ben", di, "pero hai que impulsar medidas empresariais para que A Veiga teña futuro". Porén, os mesmos edís sosteñen que o alcalde "é boa persoa", que "foi quen de sacar adiante asuntos importantes para o municipio", entre os que subliñan o PXOM e a construción dunha fábrica de biomasa.
"O mellor insulto" e os fíos de Baltar
Pola súa parte, o alcalde saínte asegura a Vieiros que "ecoloxista radical é o mellor insulto que me poden adicar". Recorda que unhas 20 mil hectáreas de Pena Trevinca forman parte da Rede Natura, polo que se considera un espazo de especial protección. "Eu non estou en contra dos parques eólicos porque si", di, "pero a conservación debe de estar por enriba". Ao tempo, subliña que o agora candidato a substituílo, Edesio Yáñez, "votou en contra do parque eólico en Trevinca que agora demanda hai dous anos e medio: entón, rachou coa disciplina de voto do seu partido e apoiou ao meu", asegura, "mais xa sabemos que o tema eólico esperta moitos intereses".
Así, Fernández defendeu a súa xestión, dixo "marchar tranquilo" e asegurou que se vai do municipio "cos petos baleiros". Asemade, asegura que os seus opositores "carecen de argumentos" e apuntou ao presidente do PP de Ourense, Xosé Luís Baltar, como instigador da moción. "Eu non podo certificar nin asegura que estea detrás", di, "mais Yáñez ultimamente non saía da Deputación e cónstame que tamén tivo xuntanzas co presidente da Xunta". "Os que din que esta é unha cuestión doméstica equivócanse", asegura, "aquí houbo movementos máis arriba e foi o PP quen deu luz verde para que a moción se desencadease".