Un grupo de traballo analizará a situación "xeral e particular" nos concellos e proporá plans de acción ante as municipais
O Consello Nacional do BNG aprobou este sábado que o ex voceiro nacional da formación, Xosé Manuel Beiras, presida a comisión de estratexias, creada no seo do máximo órgano de decisión entre asembleas coa finalidade de emitir informes sobre cuestións políticas "de fondo".
O portavoz nacional, Guillerme Vázquez, cualificou de "moi interesante" a constitución desta nova comisión, que pretende servir para que a formación realice "unha reflexión de fondo" e evitar, con iso, o "curtopracismo" que rexe no panorama político. Tanto a súa creación como a presidencia de Beiras foron propostas do propio Vázquez.
Nesta dirección, e logo da reunión ordinaria da Executiva Nacional -que se produce cada dous meses-, Vázquez salientou que Beiras "será o responsábel político" da comisión e, xa que logo, el decidirá "que temas ten que abordar".
"Terá a misión de analizar cuestións de máis profundidade no marco político xeral", explicou, e indicou que os informes serán recibidos pola Executiva "para a súa valoración e debate", como ocorre co resto de comisións.
"A ninguén se lle escapa que o mundo se move. Non tiña razón Fukuyama, non era o final da historia", ironizou Vázquez para argumentar que o BNG, "aí, terá que facer un esforzo para se mover tamén en consonancia".
Eleccións Municipais
O Consello Nacional debateu e aprobou un documento de traballo para as próximas eleccións municipais, previstas para 2011, e nas que os nacionalistas aspiran a aumentar a representación institucional nos concellos.
Vázquez asegurou que farán "todos os esforzos necesarios para afrontalas" e incidiu na "implicación" de toda a militancia. Para iso, puxeron en marcha unha comisión de traballo que se dedicará a analizar a situación "xeral e particular" nos concellos e proporá "plans de actuación" para a Executiva Nacional.