Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Análise do Centro D'Estudis per a la Pau

Gasto militar: 50 millóns de euros por día

Malia os recortes orzamentais, o goberno español garante que non se cancela ningún proxecto militar e asigna gorentosas cantidades á I+D relacionada.

Redacción - 14:00 15/11/2009

O Centro D'Estudis per a la Pau acaba de facer público o seu estudo anual sobre os gastos militares no Estado español. Segundo o informe, e logo de contabilizar gastos que, malia ser militares, non aparecen contabilizados dentro do Ministerio de Defensa, o gasto militar total do Estado non se reduce un 6,2% tal e como argumenta o goberno español, senón apenas un 2,4%, sumando 18,161 millóns de euros. Así e todo, recorda desde este observatorio para o desarme que as manobras contábeis habituais maquillan a realidade das cifras. Así por exemplo, na altura de outubro de 2009, os gastos do ministerio, no canto de ter minguado un 3% tal e como se anunciara no orzamento inicial, brincaran xa un 8%.

O informe repara tamén no caso concreto da I+D militar, unha partida que en principio semella diminuír, -19,1%. Na práctica, un 81% da I+D militar sae do Ministerio de Industria, a través de créditos á industria militar, que en 2010 sumarán case mil millóns de euros. Trátase dunha fórmula de "enxeñería financeira" iniciada en 1997 para avalar os "enormes gastos destinados a grandes proxectos de armas" iniciados por aquel tempo. "Deste xeito conseguían o propósito de non incrementar demasiado o gasto militar do Ministerio de Defensa para non alarmar a opinión pública, e de paso aumentar a contribución ás industrias militares e financiar a investigación e o desenvolvemento de novos proxectos de armas".

Xa que logo, a estratexia do executivo estatal para 2010, aínda reducindo dotacións, contempla idénticos investimentos, sen anular ningún dos grandes proxectos militares industriais. Exemplos son os blindados Leopard ou o avión de combate EF-2000. Garantías para o sector militar nun momento en que se recorta a I+D noutros ámbitos, estratexia denunciada por un recente editorial da prestixiosa revista Nature. Expoñen no artigo de Nature que o ministerio de Ciencia e Tecnoloxía foi lento en conseguir o peso político necesario e critica que na actual conxuntura económica non se manteña o esforzo co ámbito científico. De forma concreta denuncian o recorte proxectado de até o 45% para a investigación e desenvolvemento e advirten que a redución final ao 15% aplicada despois da protesta da comunidade científica segue sendo un duro pau para o sector.


5/5 (3 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: