A longametraxe galega dirixida por Alfonso Zarauza estréase no portal Filmotech.com unha semana antes de facelo nas salas.
A carreira comercial d'A noite que deixou de chover non comezará nas salas de cine senón en internet. O portal especializado Filmotech.com escolleu o filme galego para, por primeira vez, exhibir de pago, en streaming e de forma legal unha estrea antes de que chegue aos cines. A película dirixida por Alfonso Zarauza poderá verse a partir do venres 13 nesta web por 1,74 euros. Aos cines chegará o venres 20 deste mes.
Para o director de negocio de Filmotech.com, Rafael Sánchez, internet é unha nova “ventá de explotación”, que permitirá que “as estreas pequenas e medianas que saian ao mercado con poucas copias poidan engadir espectadores a través da web”. Ademais dará a oportunidade de ver o filme “ás persoas que queiran ver a película e non teñan copia na súa localidade. É unha boa forma de salvar a limitación que supón que algunhas películas só se estreen nun par de grandes cidades”.
A noite que deixou de chover conta a historia de Spleen (Luis Tosar) e A Rusa (Nora Tschirner) durante unha noite surrealista en Santiago de Compostela. É a primeira longametraxe de Zarauza, que ademais de realizar varias curtas, agora dirixe a serie O Nordés.