A deputada Marisol Soneira retruca que "os únicos éxitos dos que pode presumir Feijoo en materia de acuicultura son dous proxectos postos en marcha polo goberno de Touriño".
"A única achega do goberno de Feijoo á acuicultura de Galiza é o freo e a marcha atrás de todos os investimentos previstos, amais do anuncio da ocupación do noso patrimonio medioambiental, a desmoralización do sector e o abandono por parte dos emprendedores", afirmou Marisol Soneira, voceira en materia de Pesca do grupo parlamentario do PSdeG.
Soneira acusou o presidente de "mentir, manipular e terxiversar a realidade" en sede parlamentaria cando anunciou este mércores a apertura da planta acuícola de Muros. "Núñez Feijoo é a encarnación do cinismo político e da manipulación, xa que asegurou no Parlamento que mañá o Consello da Xunta aprobaría a primeira planta acuícola dende o goberno de Manuel Fraga", reproboulle Soneira. A deputada socialista argumentou que os únicos proxectos acuícolas aprobados por Feijoo son o de Insuiña (Pescanova) en Oia, cuxo expediente herdou do goberno anterior, "e co cal solo tivo que cumprir cun trámite previamente estabelecido", e a planta que "supostamente vai aprobar maña no Consello da Xunta, en Muros". Unha planta esta última que, subliña Soneira, foi aprobada no Consello da Xunta do pasado 12 de marzo.