Xustifícana na negativa do goberno español a integrar un representante da Xunta no gabinete de crise.
O Goberno decidiu constituír a súa propia comisión de seguimento da evolución dos acontecementos do secuestro do 'Alakrana', e convocou este sábado unha reunión cos alcaldes dos municipios de onde son orixinarios ou residen os oito tripulantes galegos.A Xunta decidiu constituír a súa propia comisión de seguimento trala negativa do goberno español a integrar no seu gabinete de crise un representante do Goberno galego, tal e como lle solicitara o presidente galego, Alberto Núñez Feijoo, á vicepresidenta, María Teresa Fernández de la Vega.
Fontes do Goberno confirmaron a Europa Press que o presidente do goberno español, José Luis Rodríguez Zapatero, falou con Feijoo para explicarlle a negativa a integrar un representante da Xunta no gabinete de crise, que argumentou en que se trata de "competencias propias do Estado". Feijoo mostroulle a Zapatero o seu desacordo con esta decisión porque alegou que a Xunta debe poder achegar a súa opinión sobre a evolución dos acontecementos e ter toda a información dispoñible. Por conseguinte, a Xunta decidiu constituír a súa propia comisión de seguimento, que baixo a presidencia de Feijoo, se reunirá cos alcaldes de municipios con tripulantes do 'Alakrana' para analizar a situación do buque retido ante as costas de Somalia e atender ás necesidades e inquietudes das familias.
Queixas por falta de información
Integran esta comisión os conselleiros de Presidencia, Afonso Rueda, e de Mar, Rosa Quintana; o secretario xeral de Mar, Francisco Vidal-Pardo; a secretaria xeral de Familia e Benestar, Susana López Abella; e o director xeral do Gabinete da Presidencia, Álvaro Pérez López.
Trala reunión cos alcaldes, a conselleira de Mar manterá un encontro cos representantes dos distintos grupos parlamentarios para trasladarlles o contido do encontro da comisión e as últimas novidades sobre o secuestro. A comisión permaneceu este venres reunida en Vigo. Fontes da Xunta insistiron nas súas queixas pola falta de información que se traslada dende o executivo español, xa que non coñeceron con anterioridade que foron devoltos o buque os dous mariñeiros galegos e o vasco que foran conducidos polos secuestradores a terra somalí. Do mesmo xeito, algúns familiares consultados por Europa Press recoñeceron que tampouco estaban informados de antemán desta novidade, até que se decataron pola comparecencia pública do ministro de Exteriores, Miguel Ángel Moratinos.