Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Beizón de PP, PSdeG e BNG

Resignación a que as caixas busquen noivos foráneos para a fusión

O PSdeG secunda o convite de Blanco a fusións interrexionais. O Bloque apoiaríaas se a sede social queda en Galiza. Rueda insiste en que o Goberno non ten posición ao respecto.

Redacción - 18:20 04/11/2009

Significativa viraxe no posicionamento das principais forzas políticas ao respecto das estratexias de futuro para as caixas galegas. O aceleramento os últimos días do debate, incluída a presentación á Xunta de plans específicos por parte de cada unha das entidades, mudou os termos nos que os líderes políticos do país viñan analizando a situación. Caixa Galicia e Caixanova explicitáronlle ao Goberno o seu desencontro respecto a unha fusión e, por tanto, a vontade de buscaren acordos fóra de Galiza.

Alén dos flirteos de Caixa Galicia coa macro-operación que a vencellaría a Caja Madrid e Caja del Mediterráneo, negociación obstaculizada de momento no medio da lea que enfronta a diversos sectores arredor da caixa madrileña, coñécense agora algúns dos movementos de Caixanova. A entidade do sur do país mantén diálogo aberto con Cajastur e con Caja Murcia. A dirección de Caixanova explicoulle este mesmo luns ao executivo o esquema dos seus plans ao respecto que, de xeito preferente, pasarían por un modelo de fusión virtual, mantendo marca, sede e órganos de goberno e explorando fórmulas diversas de xestión conxunta. Xa que logo trataríase na práctica do chamado Sistema Institucional de Protección (SIP), que permite xuntar forzas en términos de solvencia, liquidez e xestión de risco mantendo á vez cada un dos socios a súa identidade e personalidade xurídica.

O presidente de Caixanova, Xulio Fernández Gayoso, de visita este mércores en Santiago, rexeitou pronunciarse ao respecto deses posíbeis acordos, mais tampouco negou a existencia dos contactos. En resposta aos xornalistas, limitouse a receitar "discreción", subliñando que descoñece se o proceso "vai para curto ou para longo", aínda que admitiu que probablemente se estenda bastante no tempo. Con todo, insistiu Gayoso en que a entidade que preside traballa "polos intereses de Galiza".

Preocupación polo control das entidades resultantes
Malia pronunciárense nas últimas semanas a prol da priorización dunha fusión das caixas galegas e reprocharlle ao Goberno "indiferenza" fronte ás posíbeis fusións foráneas de Caixa Galicia e Caixanova, desde o PSdeG aseguraban este mércores non ter en realidade "unha posición predefinida" sobre a situación. Unha viraxe que chega ademais logo das declaracións deste martes do vicesecretario xeral do PSOE, Xosé Blanco, favorábel ás chamadas fusións interrexionais.

"Deben ter os pés e a cabeza en Galiza", aclarou o voceiro parlamentario dos socialistas, Xaquín Fernández Leiceaga, indicando que, baixo esa premisa, o PsdeG aceptaría que se fusionasen con caixas foráneas "pequenas" para ampliar a rede exterior. Así, Fernández Leiceaga dixo ver "razoábel" que, sempre que o centro de decisión permaneza no país, as entidades galegas "medren chegando a acordos con outras". "A continuidade das dúas caixas, se son viábeis e se senten capaces de afrontar o futuro, é unha solución", expresou.

Unha opinión parecida era expresada polo voceiro nacional do BNG, Guillerme Vázquez, quen definiu como imprescindíbel que os centros de decisión das caixas sigan en Galiza. Con esa condición, o Bloque vería aceptábel que calquera das dúas entidades "absorba unha foránea". Vázquez, que censurou unha vez máis que o presidente da Xunta non se pronuncie con claridade sobre este tema, lembrou a proposta da súa formación para a reforma da lei de caixas. Unha reforma que, en opinión dos nacionalistas, debe garantir a galeguidade das entidades, blindar as competencias en Galiza e favorecer a fusión das dúas actuais. De paso, convidou unha vez máis os outros grupos parlamentarios a deseñar un consenso sobre o asunto.

Mentres, desde o PP, a quen as forzas da oposición acusaron recentemente de rexeitar pronunciarse con claridade ao respecto das hipotéticas fusións que poidan afastar de Galiza os centros de decisión das caixas, manteñen un calculado silencio fronte ao debate. O conselleiro de Presidencia, Afonso Rueda, defendeu este mércores que a Xunta actúa con "prudencia" e criticou que o ministro de Fomento, Xosé Blanco, deu esta semana "moitos consellos". "Blanco dixo que non era quen para dar consellos, pero a verdade é que deu moitos e fixo moitas reflexións", ironizou Rueda. O conselleiro insistiu en interpretar que o PSOE e o goberno español son favorábeis ás fusións con caixas foráneas e dixo que a Xunta exporá a súa posición "cando a teña".  

"Supervivencia" e "custo social", determinan a posición sindical
Sobre o escenario pronunciáronse tamén este mércores representantes dos principais sindicatos, coincidindo na preferencia polo mantemento do actual contexto, malia que aceptarían a fusión se fose imprescindíbel para a supervivencia das entidades e sempre que non implicase o custo social derivado da perda de postos de traballo.

Así por exemplo, o secretario de Formación e Emprego de UXT, Domingos Barros, falou en favor dunha fusión entre Caixa Galicia y Caixanova "se xera máis potencialidade e reactiva a súa actividade investidora". A secretaria de Emprego e Economía Social de CCOO, Maica Bouzas, afirmou que a fusión sería "opción ideal" nun contexto en que semella que "as dúas teñen escasas posibilidades de manterse individualmente". Por parte da CIG, o secretario de Finanzas, Ramiro Oubiña, destacou tamén a "supervivencia" das caixas como factor clave no debate, pero advertiu de que non estarán a favor "dun falso debate sobre modernidade sen datos sobre a mesa".


3/5 (6 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: