Ramón Villares explicou no Parlamento que o organismo afrontará o 2010 con austeridade tras o recorte orzamentario do 6,3%.
Ramón Villares
O Consello da Cultura Galega (CCG) afrontará o ano vindeiro con 200 mil euros menos. Así o explicou o presidente do consello, Ramón Villares, este mércores na Comisión de Economía, Facenda e Orzamentos do Parlamento de Galicia. A entidade pública disporá no 2010 de 2.951.000 euros, un 6,29% menos que o ano anterior. BNG e PSdeG criticaron que a Xunta acentúe a redución orzamentaria nas partidas relacionadas coa cultura.
O presidente do CCG sinalou que é o segundo ano consecutivo que se reduce o orzamento da institución, logo de que en 2009 decrecera un 3%. Desta volta, a diminución principal afecta aos gastos correntes, e leva ao consello a afrontar o 2010 con austeridade. Ramón Villares destacou a necesidade de contar cun maior orzamento no capítulo de persoal e indicou que sería desexábel para o CCG superar a barreira dos tres millóns de euros, para poder “gastar máis, sempre de forma eficiente”.
A deputada nacionalista Ana Pontón apelou á posibilidade de modificar os orzamentos no debate parlamentario. Cualificou o recorte orzamentario de “excesivo” e encadrouno na “diminución dos recursos por parte da Xunta en materia cultural e lingüística”. Pola súa parte, a socialista Concepción Burgo valorou a redución orzamentaria como “un gravísimo erro” que considerou “unha constatación do que a cultura significa para o goberno actual”. Para o deputado popular, Ignacio López Chaves, o recorte económico no Consello da Cultura Galega é “un sacrificio compartido” das administracións públicas “porque baixan os ingresos”.
Proxectos para o 2010
Villares sinalou que aínda con menos orzamento, o Consello da Cultura levará a cabo novos proxectos no 2010 e debullou algúns dos máis importantes. Subliñou o congreso que a institución dedicará a Luís Seoane, e que co nome “Galicia-Arxentina: unha dobre cidadanía” incluirá ao longo do ano sesións nas tres universidades galegas para abordar as dimensións de Seoane como artista, comunicador, escritor e deseñador.
En decembro deste ano iniciarase o seminario “Lingua, política e sociedade en Galiza”, e entre marzo e maio terán lugar unhas xornadas de “reflexión estratéxica sobre a cultura galega”. Outras actividades serán a duodécima edición dos Encontros para a Normalización Lingüística e o seminario “Os sentidos das culturas”.