Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Agenor Gómez, presidente de Adicae-Galicia

"Van contra os intereses dos consumidores para sanearen as súas contas"

Especializada no consumo financeiro, Adicae xestiona nos últimos meses un significativo aumento de consultas de consumidores que denuncian os abusos das caixas de aforros.

R. N - 11:15 01/11/2009

"Se a situación é de tanta solvencia como presumen, que deixen de botar man deste tipo de prácticas", ironiza Agenor Gómez, presidente da Asociación de Usuarios de Bancos, Caixas de Aforros e Seguros de Galicia (Adicae). Para o voceiro deste colectivo a inxección de axudas públicas do fondo de reestruturación estabelecido polo goberno español debera servir para mellorar a saúde financeira das caixas, de xeito que non precisasen de ir contra os intereses dos consumidores para poder sanear as súas contas.

Mais a situación actual é a contraria. As caixas de aforro abusan da confianza dos seus clientes e da ignorancia ao respecto do sistema financeiro para venderlles produtos de alto risco. O obxectivo: gañar liquidez a curto prazo, o máis rápido posíbel, e pechar as fendas abertas nos seus balances por problemas diversos de xestión. O resultado: milleiros de afectados por prácticas no gume do legal que acaban deixando importantes furados no peto de moitas familias. Así o reflicten as estatísticas de queixas dos colectivos de consumidores. "A tipoloxía das consultas de antes da crise e agora no medio dela, é moi diferente", explica o voceiro de Adicae-Galicia, indicando que non só o número de queixas se multiplicou, senón que agora son maioritariamente sobre problemas con produtos de aforro e investimento. Queixas que tamén chegan aos servizos de atención ao cliente das caixas que, sospeitosamente, semellan funcionar máis lentamente neste novo escenario, censuran desde o colectivo.

Urxen a paralización da renovación do Consello Xeral de Caixa Galicia
Incrementos esaxerados de comisións bancarias, produtos complexos como participacións preferentes ou hipotecas con seguro que son colocadas aos clientes de xeito indiscriminado e sen informarlles polo miúdo do alto risco para os seus aforros... As manobras para aumentar capital velozmente son variadas. "Este tipo de actuacións vense facilitadas pola ausencia da xenuína representación dos consumidores nos órganos de goberno", láianse desde Adicae-Galicia.

Agenor Gómez exemplifica a situación co proceso aberto en Caixa Galicia para a renovación do seu Consello Xeral. Trátase dun sorteo puro entre clientes en base a unhas condicións de antigüidade e saldo mínimos e unha posterior elección case a dedo. Na práctica, coa finalidade de que "non saia ninguén que non queiran as cúpulas das caixas", critica Gómez. Por este motivo, Adicae solicita que se paralice este proceso até que se resolva o futuro das caixas do país. É dicir, non só a súa posíbel fusión, senón a propia modificación do marco legal, acorde ás promesas electorais realizadas polas principais formacións políticas incluída o PPdeG, agora no Goberno. Así, desde a asociación urxen a Xunta a reformar a lexislación para conseguir unhas caixas "máis transparentes, modernas, profesionais e con órganos de goberno elixidos democraticamente".


5/5 (2 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: