Dende que se aprobase esta figura xurídica (2005), ningún outro concello concluíu o proceso para protexer os seus espazos naturais singulares.
A Consellaría de Medio Rural declarou a Xunqueira de Alba, unha zona verde dunhas 80 hectáreas situada a menos dun quilómetro do centro da cidade de Pontevedra, como Espazo Natural de Interese Local (ENIL). Aceptou así a proposta realizada polo concello e, en concreto, polo seu departamento de Medio Ambiente dirixido por Celia Alonso (PSdeG), para que esta marisma conte cunha protección da que só gozan, a día de hoxe, outros tres espazos en toda Galiza.
"É un espazo natural que queríamos poñer en valor", asegura Celia Alonso, quen nos explica que o procedemento que agora remata coa publicación da resolución no DOG se iniciou hai xa dous anos "con máis vontade que medios". A figura do Espazo Natural de Interese Local (ENIL) creouse, xunto coa de Espazo Privado de Interese Local (EPIL) ao amparo da Lei de Conservación da Natureza e entrou en vigor en 2005. Esta fórmula contempla a protección e conservación de lugares que non serán netamente xestionados pola Administración autonómica, é dicir, dependen dos concellos.
En concreto, son os gobernos municipais os que se deben de encargar de propoñer esta protección para calquera espazo que consideren de interese natural. A cuestión é que, até o de agora, foron poucas as administracións locais que iniciaron este tipo de procedemento. Contan con esta distinción: A Voutureira (San Cibrao das Viñas), O Puzo do Lago (Maside) e as Illas de San Pedro (A Coruña). A explicación buscámola nas consecuencias que tal declaración ten sobre o territorio: unha vez acadado o recoñecemento, os municipios deben encargarse de elaborar un plan de conservación, consignar anualmente as cantidades económicas necesarias e garantir a integridade da zona.
O urbanismo, un duro inimigo para os ENIL
Segundo reza o propio Decreto polo que se regula esta figura (124/2005, do 6 de maio), "os aproveitamentos e os usos dos bens e recursos incluídos no ámbito destes espazos realizaranse de maneira que resulten compatíbeis coa conservación dos valores que motivaron a súa declaración". En suma, os concellos quedan comprometidos a non deseñar un PXOM que contradiga estes principios ambientais e, ao tempo, deberán velar para que o uso da integridade deste espazo sexa compatíbel co seu valor natural.
No caso da Xunqueira, Celia Alonso recorda que este terreo foi valorado en moitas ocasións para usos ben diferentes: "houbo quen falou dun campo de fútbol, dun viveiro de empresas... mais hoxe está totalmente saneado e recuperado para a cidadanía, é un lugar hoxe en día moi visitado e totalmente integrado na cidade". Tal e así, que o concello xa elaborou o plan de conservación e traballa en labores de limpeza e retirada de residuos acumulados na enseada do río Rons e nas zonas do humidal, a plantación arbórea, o mantemento da rede de camiños ou a mellora e reparación das pontes de madeira, bancos e alumeado público.
Doutra banda, se é difícil que un concello se implique na promoción dun ENIL, máis complicado aínda é a cuestión do Espazo Privado de Interese Local (EPIL), no que a iniciativa é netamente privada. Actualmente só existe un recoñecemento deste tipo: as Sobreiras do Faro (Oia). En calquera caso, accións coma as do Concello de Pontevedra demostran que a posta en valor de lugares de interese ambiental teñen tamén a súa compensación veciñal: a proba son as visitas diarias que recibe a Xunqueira de Alba diariamente, nas que se poden contemplar até un total de 166 especies vexetais e 123 de aves catalogadas.