Os/as ministros/a de economía e medio ambiente acordarán a posición que a Unión Europea adoptará nas conversacións de Nacións Unidas sobre o clima, incluíndo os obxectivos de redución de emisións e o financiamento para axudar aos países empobrecidos a enfrontarse aos impactos do cambio climático.
Alejandro González, responsable de cambio climático de Amigos de la Tierra, comentou: "Trátase dun momento absolutamente crucial. Europa está nunha encrucillada de cara ao cumio de Copenhague e os/as ministros/a deben elixir o camiño para evitar os efectos devastadores do cambio climático mediante un acordo global xusto. Para iso Europa debe comprometerse a recortar as emisións polo menos nun 40% en 2020 e transferir os recursos necesarios que permitan aos países empobrecidos combater o cambio climático".
A Unión Europea, do mesmo xeito que o resto dos países industrializados debe estar á altura como responsable histórica do cambio climático, o que significa:
- Reducir as emisións de gases de efecto invernadoiro polo menos 40% para 2020 en comparación cos niveis de 1990, sen recorrer á compra de emisións. Os mecanismos de desenvolvemento limpo deben ser abolidos xa que non impulsan os cambios estruturais para cambiar cara a unha economía sustentable. A maioría destes mecanismos teñen mesmo efectos ambientais prexudiciais sobre os países do Sur Global.
- Desenvolver mecanismos para fornecer aos países empobrecidos os recursos tecnolóxicos e financeiros cos que adaptarse e combater o cambio climático. Estes recursos deben provir de diñeiro público, ser adicionais aos fondos de axuda ao desenvolvemento e administrados polas Nacións Unidas. Calquera outro recurso financeiro, incluíndo os fondos do Banco Mundial para o cambio climático non poden contar para o cumprimento dos compromisos dos países ricos.
Os bosques deben manterse fóra dos mercados de carbono. E débense protexer da deforestación e a degradación así como da súa transformación en plantacións.
- O seguinte período de compromiso de redución de emisións debe nacer dun acordo sólido que asegure que os países industrializados fagan reducións anuais das emisións. Demasiados países até agora evadiron os seus compromisos adquiridos co Protocolo de Quioto. A implantación de medidas é urxente, e por tanto os recortes de emisións deben ser a curto prazo.
Para axudar á mitigación e á adaptación en países empobrecidos, a UE debe contribuír cun mínimo de 35 billóns de euros por ano até 2020. Os custos globais para estas axudas excederán os 110 billóns de euros, que poderían chegar aos 340, dos cales o 30% proviría da UE.
Alejandro González engadiu: "Se non se opta por adoptar medidas axeitadas xa, as negociacións internacionais acabarán nun punto morto. O mundo necesita un acordo xusto polo clima en Copenhague. é o momento de que os ministros fagan a súa parte para que isto sexa posible."