Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Fwwwrando

RSS de Fwwwrando
Espionaxe 2.0

A CIA pretende controlar todo o que se di nas redes sociais

O organismo estadounidense está a investir nunha empresa especializada na análise de información dispoñíbel publicamente na rede.

Redacción - 10:30 24/10/2009

As axencias de espionaxe estadounidenses queren ler o teu blog, controlar as túas mensaxes no Twitter e mesmo comprobar as críticas de libros que fas en Amazon. Segundo informou Wired, In-Q-Tel, o departamento da CIA destinado a investimentos, está a poñer diñeiro en Visible Technologies, unha compañía de software especializada en analizar redes sociais.

Os servizos de espionaxe están a evolucionar cara ao uso de "intelixencia de código aberto", información que está dispoñíbel publicamente, pero xeralmente oculta na enorme cantidade de contidos que se suman á internet cada día.

Visible peneira medio millón de webs 2.0 ao día, extraendo máis dun millón de artigos e conversas que teñen lugar en blogs, foros, Flickr, YouTube, Twitter e Amazon. Polo momento deixa fóra redes sociais "pechadas", como Facebook. Os clientes reciben información personalizada do que se está a dicir sobre temas que lles incumben, baseándose en palabras chave.

A compañía "puntúa" cada entrada, etiquetándoa como positiva, negativa, mixta ou neutra. Tamén examina o influínte que é unha conversa ou un autor. Finalmente, dálles aos usuarios a posibilidade de etiquetar mensaxes, reenviarllas aos colegas e permitirlles responder mediante unha interface web.

In-Q-Tel asegura que quere controlar Visible para analizar medios sociais estranxeiros e obter "avisos por anticipado de asuntos que se están a xogar no panorama internacional". Pero, por suposto, esa ferramenta tamén permite controlar grupos do interior do país. Así, Microsoft recibe información sobre a marcha do seu Windows 7, ou a compañía Hormel controla os movementos dos activistas a prol dos dereitos dos animais.


5/5 (1 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: