Científicos británicos auguran un futuro en que a xente celebre o século de vida coa saúde dunha persoa de 50.
Científicos da universidade de Leeds (Reino Unido) aseguran que algún día será posíbel que a xente chegue a centenaria cun corpo dunha persoa de 50 anos. O estudo afirma que a metade dos nenos que nazan agora nas illas británicas acadarán o século, grazas á mellora da calidade de vida.
Segundo informa a BBC, a universidade leva investidos 55 millóns de euros nos últimos cinco anos para acadar os "50 anos activos despois dos 50". Entre as medidas, contan con que as persoas pensionistas poidan dispoñer de implantes e tecidos propios de longa duración que aseguren a súa mobilidade. Por exemplo, cadrís artificiais que duren cinco décadas en lugar dos 20 anos que, como moito, duran os actuais.
O outro método é conseguir que o propio corpo fabrique tecidos transplantábeis, e mesmo órganos, o que superaría o problema do rexeitamento. Até o momento, conseguiron crear válvulas cardíacas con esa técnica. É preciso obter unha válvula dun doador -sexa humano ou un porco- e "limpar" as súas células cunha serie de enzimas e deterxentes. Esa armazón pódese transplantar no paciente sen medo ao rexeitamento, pois o propio corpo reconstruirá o órgano coas súas células.