Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
Proxecto didáctico

Os cabalos en liberdade entran no Museo do Pobo Galego

Compostela acolle a exposición “Ceibes no monte”, froito dun traballo educativo nun instituto de Gondomar.

Redacción - 09:30 17/10/2009

Percorrer diferentes aspectos relacionados co mundo dos cabalos en liberdade. Ese é o obxectivo da exposición “Ceibes no monte”, que se pode ver no Museo do Pobo Galego do 16 de outubro ao 23 de novembro. A mostra forma parte dun proxecto didáctico do Instituto de Educación Secundaria Terra de Turonio de Gondomar, premiado pola Fundación Antonio Fraguas. O traballo está centrado na chamada Terra de Turonio, denominación medieval da zona sur de Pontevedra.

A exposición achégase aos cabalos ceibes a través de 18 paneis organizados arredor de cinco núcleos temáticos: o medio natural, o monte veciñal en man común, o cabalo galego de pura raza, os curros e o cabalo nas artes. Xunto cos paneis exhíbense ferramentas, materiais etnográficos, documentais realizados polo Instituto e outros traballos audiovisuais producidos en Galiza cos cabalos en liberdade como tema. Na parte da exposición dedicada á presenza do cabalo en artes como a literatura, a pintura, a escultura e a fotografía, ten un lugar especial o escultor tudense Juan Oliveira, do que se exhiben varias pezas en bronce.

En paralelo á exposición desenvolveranse varias actividades: un obradoiro literario arredor da novela O país das bestas, de Eva Moreda, a presentación do libro Son un cabalo de Gonzalo Moure, a proxección dun documental sobre os cabalos na Terra de Turonio e a edición dunha publicación didáctica sobre este patrimonio cultural. Na web ceibesnomonte.com pódense ver os traballos sobre este tema realizados polo alumnado.


5/5 (3 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: