O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia bota abaixo a decisión do xurado sobre o dobre crime de Vigo en xullo de 2006 e ordena celebrar outro xuízo.
O caso orixinara unha forte mobilización en condena pola absolución
No veredicto emitido polo xurado que participou no xuízo celebrado na Sección Quinta da Audiencia con sede en Vigo, considerábase que Jacobo P.R. apuñalara as súas vítimas, nun total de 57 ocasións, movido por un "medo insuperábel" e en "lexítima defensa" e, decidía baixo esa argumentación, absolvelo do dobre crime.
A sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) considera que a redacción do obxecto do veredicto "foi defectuosa" e, ademais, a motivación preséntase como "absurda, ilóxica e arbitraria en grandes aspectos fronte aos feitos básicos axuizados". Así, procédese a estimar os recursos do Ministerio Fiscal e acusación particular nos motivos nos que apelan á ausencia de motivación, o que supón a "anulación" da sentenza e a remisión da causa á Audiencia Provincial para a celebración de novo xuízo con novo tribunal. Así e todo, a resolución do Alto Tribunal galego refírese tamén ao motivo expresado pola acusación particular no que se solicita que o xuízo se repita mediante o procedemento de tribunal profesional, desestimando esta petición ao entender que a competencia para o coñecemento desta causa recae sobre o tribunal do xurado.