Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Informou a dirección do partido da súa decisión

Baltar Blanco aspira a liderar o PP ourensán cun proxecto "sobre todo, galeguista"

O deputado ourensán só retirará a súa candidatura se o actual presidente, seu pai Xosé Luís Baltar Pumar, decide volver presentarse.

Redacción / Europa Press - 09:45 16/10/2009

O seu "profundo coñecemento" do partido na provincia é o argumento principal posto na mesa polo coordinador do PP ourensán e vicepresidente primeiro da Mesa do Parlamento, Xosé Manuel Baltar Blanco, no anuncio da súa intención de optar á presidencia do partido no próximo congreso provincial. Baltar Blanco avanzou que xa lle comunicou a súa intención tanto ao actual presidente, seu pai Xosé Luís Baltar Pumar, como ao líder do PpdeG, Alberto Núñez Feijoo, ademais de a outros dirixentes provinciais. Unha decisión "firme e meditada" que só cambiará, admitiu, no caso de que Baltar Pumar, decidise volver presentarse. "Descoñezo a súa decisión, pero quero facer pública a miña vocación para atallar rumores", argumentou.

Baltar Blanco reivindicou a súa experiencia no PP, ao que se afiliou hai 17 anos, en 1992, e subliñou que dentro das súas filas fixo "de todo", destacando a súa participación "activa" na organización de campañas e na mobilización electoral. Por iso, entendeu que o seu apelido "é algo circunstancial" que non debería "molestar a ninguén". Con todo, avanzou que saudará "en positivo" todas as listas "alternativas" que se presenten, se as hai, e mostrouse "encantado" de contrapoñer ideas e proxectos con outros posíbeis candidatos, convencido de que o partido será "o único beneficiado" se hai debate.

Proxecto "centrista e galeguista"
Aínda que haberá que esperar á convocatoria oficial do conclave, Xosé Manuel Baltar Blanco mostrouse desexoso de emprender a campaña interna para defender a súa concepción da política e o seu proxecto para o PP ourensán que, dixo, será "centrista, reformista e, sobre todo, galeguista". "Articularei un proxecto pensado en Ourense e para Ourense, pero ampliábel a Galiza", proclamou e destacou a súa intención de traballar para "incorporar xente de fóra", co fin de que a formación poida manter e mellorar os "bos" resultados electorais logrados por Baltar Pumar, a quen reivindicou unha vez máis.

O XV Congreso do PP de Ourense é o único dos tres conclaves pendentes --Lugo e Ourense renovarán o seu executiva o 31 de outubro e o 28 de novembro, respectivamente-- que aínda non foi convocado, aínda que podería celebrarse na primeira quincena de decembro. "Todo está á espera dunha conversación entre Baltar Pumar e Núñez Feijoo", recoñeceu Baltar Blanco e explicou que, en todo caso, "a data límite" para a celebración do conclave é o 31 de xaneiro de 2010.

Licenciado en Dereito pola Universidade de Santiago de Compostela (USC), Xosé Manuel Baltar Blanco naceu o 3 de agosto de 1967 e é fillo de Xosé Luis Baltar Pumar, o último barón da época de Manuel Fraga que permanece politicamente en activo. Funcionario do Corpo Superior da Administración galega dende xaneiro de 1993, exerceu como xefe do servizo técnico-xurídico da delegación provincial en Ourense da Consellaría de Agricultura, da que posteriormente foi delegado entre xaneiro de 1998 e setembro de 2001. Con ampla experiencia política, Xosé Manuel Baltar empezou a militar no PPdeG en 1992 e agora exerce como coordinador do PP de Ourense dende decembro de 2004. Ademais, é membro da xunta directiva do PPdeG e vicepresidente primeiro da Mesa do Parlamento de Galicia.


2,11/5 (9 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: