O acordo podería levar consigo varios millóns de euros e unha participación nos ingresos publicitarios dos buscadores.
A rede social Twitter estaría a negociar con Microsoft e con Google, por separado, a venda dunha licenza para que as mensaxes do servizo de microblogs poidan ser empregadas, en tempo real, polos buscadores.
Segundo informa o blog All Things Digital, do Wall Street Journal, aínda se está a estudar como se pagará esa valiosa información, que proporcionan constantemente os máis de 54 millóns de usuarios mensuais de Twitter. Unha posibilidade é un pagamento de varios millóns de dólares, que podería estar combinada cunha participación dos ingresos polos resultados das buscas.
Os acordos, segundo informaron fontes próximas á negociación, son sen exclusividade, para manter a independencia de Twitter na guerra dos buscadores, o que significa que tamén podería optar ao negocio Yahoo. Tampouco se descarta a posibilidade de que ao final non haxa ningún acordo.
A sinatura permitiría, por unha banda, prover dunha fonte de ingresos a Twitter, e, por outra, que os buscadores aproveitasen a enorme corrente de información en directo que xera. Twitter está a traballar na creación dunha plataforma aberta na que poidan participar buscadores, vendedores, editores e desenvolvedores, ademais de ofrecer servizos 'premium' a eses grupos, e tampouco descarta incluír publicidade.
Microsoft xa ensaiara este verán integrar os datos de Twitter nos seus resultados de busca, seleccionando a información creada por algúns blogueiros seleccionados. A compañía especializada en microblogs conseguiu no último mes máis de 100 millóns de euros de financiamento, e foi valorada en case 700 mil millóns. Tanto Google como Microsoft xa pensaron, sen chegar a facelo, mercar Twitter.