"Preocúpame máis o prezo do leite que a repercusión do Gürtel no PPdeG", resolve o líder do PP galego sobre a trama de financiamento irregular.
"Así é como funciona quen lles fala: quen teña que dar contas que as dea", afirmou o líder do PPdeG, Alberto Núñez Feijoo, ao respecto das informacións que van abrollando sobre a trama de financiamento irregular que lle afecta ao partido. "Non pode haber ningunha persoa que trate de aproveitarse da política ou dun partido", indicou, afirmando sentir "alivio" polo traballo xudicial e pedindo que se lle deixa "investigar con intensidade" aos profesionais da Xustiza. "Despois daremos a cara cando haxa que dala", dixo. "Preocúpame máis o prezo do leite ou pechar os próximos orzamentos que a repercusión do Gürtel no PPdeG", dixo. "O único que se sabe é que hai un señor implicado ao que xa se apartou do PpdeG en 1999", interpretou.
Así e todo, evitou Núñez Feijoo valorar a situación de compañeiros de partido como a do líder do PP valenciano, Francisco Camps. Só mencionou criticamente o ex secretario de Organización Pablo Crespo, afirmando que "o PP acertou apartando a Crespo e se puidéramos, volveríamos a facelo". E de paso, expresou o seu apoio ao presidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Louzán. "Fixo unha exposición clarísima, deu a cara e dixo que non tiña nada que ver", subliñou.
Logo de quitarlle importancia aos datos até o de agora coñecidos, e que lle afectan por exemplo ademais de a Louzán ao presidente do PP coruñés, Carlos Negreira, e ao líder do PP en Pontevedra, Telmo Martín, Feijoo comprometeuse a "investigar" calquera "información adicional de interese". Así e todo, pediu analizar se o anterior goberno bipartito "formalizou algún contrato" coas empresas vencelladas a esta trama. "Non vaia ser que o bipartito tamén teña algo que ver con este asunto", insinuou.