M. del Río - 09:15 09/10/2009
A decisión do goberno dos Estados Unidos de regular os blogs patrocinados e os contidos "interesados" nas redes sociais de internet por parte de marcas, de xeito que se especifique que se publicaron a cambio dunha contraprestación, tamén terá, antes ou despois, eco no país. Falamos con
Manuel Gago, blogueiro e profesor da Facultade de Ciencias da Comunicación da USC, e con
Andrés Milleiro, tamén blogueiro e dedicado ao Márketing de Medios Sociais.
En Galiza aínda non está moi estendido este método, que se está a converter nunha alternativa á publicidade tradicional. Segundo Manuel Gago, estas prácticas "empezaron a aparecer hai dous anos", cando algunhas empresas comezaron a introducilas no seu plan de medios, como adegas que envían viño co fin de dalo a coñecer e promocionalo. "Creamos un código" para que estes agasallos se indiquen "de maneira expresa", asegura Gago.
En calquera caso, os blogueiros respectan, na práctica, este código ético: "Vexo na miña experiencia no sector de blogs gastronómicos que a xente di cando lle envían produtos, aínda que até agora era algo excepcional". De feito, esa excepcionalidade fai que cando "manden algo" xa se converta en "parte da propia historia". Tamén, o feito de que estas campañas non sexan exclusivas e se repitan a moitas bitácoras fai que sexa imposíbel ocultar a súa natureza: "Resultaría ridículo que un non diga que foi un agasallo cando moitos máis o van facer".
Da mesma opinión é Andrés Milleiro, pois en Galiza "non hai moita tradición de patrocinio de blogs", e opina que "en xeral, está bastante mal visto que se fagan entradas patrocinadas e non se diga". A pesar desa evidencia, considera que "a iniciativa dos EUA pode estar ben, porque hai casos en que está bastante ben camuflado". Engade que é positivo que unha regulación que xa existía na prensa se traslade aos blogs, onde "non está de máis ser sincero".
Pero a situación aínda marxinal deste tipo de promocións está a medrar e xa empeza a ser importante nalgúns sectores. Segundo Gago, na "gastronomía, na moda e todo o relacionado cos estilos de vida" xa é "moito maior do que imaxinamos". Así, empresas "que teñen máis problemas de distribución están incluíndo este tipo de estratexias no seu plan de medios". Isto supón substituír a publicidade tradicional aproveitando a crise. Abandónase "o banner, o adsense. Hai unha transferencia cara a este tipo de prácticas". O obxectivo é "poñerse en contacto directo co consumidor".
Para Manuel Gago, "internet é tan transparente que é moi difícil ocultalo, porque vaise saber. O blogueiro pode perder a súa credibilidade". Segundo Andrés Milleiro, a diferenza "é cuestión de mercados. O dos EUA é máis grande". Aquí "ultimamente a xente xa informa de que recibiu un produto grazas a unha axencia de márketing", pero tamén se dan accións menos visíbeis como "blogs comerciais coñecidos aos que as marcas convidan a eventos", algo que se fai "máis a nivel de relacións públicas, que non son realmente patrocinios".
Aínda que é un asunto que "entra máis na ética de cada blogueiro", Milleiro pensa "que non estaría de máis" ter unha lexislación como a estadounidense: "Non vexo mal que cada cal explique máis ou menos como se monta o negocio", pois é preciso lexislar "en temas un pouco escuros, como os blogs" porque, ao final, "dálles credibilidade".