Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
PRESUPOSTOS

A Xunta quere ter máis capacidade de endebedamento

Galiza liquidou os seus orzamentos para o 2008 co menor déficit de todo o Estado Español (0,17%), mais para o vindeiro exercicio o Goberno require a opción de emitir máis débeda.

Redacción - 11:40 08/10/2009

Os orzamentos galegos de 2008 xa están liquidados. Galiza, gobernada entón polo bipartito, foi a comunidade na que se incorreu nun menor déficit de todo o Estado, cun 0,17%. Deste xeito, o Goberno está exento agora de presentar ante Madrid ningún plan económico-financeiro de reequilibrio, cousa que si terán que facer 10 comunidades autónomas que se saltaron o limiar de déficit autorizado polo goberno estatal (0,75%). No seu conxunto, o saldo negativo das autonomías chega até o 1,5% do PIB, o que dificultará, por outra parte as contas e previsións para 2009 e 2010.

O Goberno quere endebedarse máis
Este balance foi presentado no Consello de Política Fiscal, onde tamén se acordou estabelecer o límite do déficit para 2010 no 2,5% do PIB. Ao Goberno este teito parécelle "un abuso", e así o destacou a conselleira de Facenda, Marta Fernández Currás, quen adiantou o desexo da Xunta de ampliar a súa capacidade de endebedamento.

Este limiar, que anteriormente fora criticado polos populares españois por consideralo excesivo, significa que Galiza poderá dispoñer duns 1.300 millóns extras para os orzamentos do vindeiro ano. A Xunta xa tiña en previsión recorrer ao financiamento externo por este importe, aproveitando ao máximo o teito legal ofrecido polo Estado, mais tal e como están as previsións, agora superaría este máximo porque o goberno español obriga ás comunidades a que inclúan tamén como débeda nos orzamentos a devolución ao Estado dos fondos entregados de máis correspondentes ao exercicio 2008.

En termos exactos, isto significaría que Galiza debe, a efectos contábeis, computar como débeda outros 600 millóns de euros que ten que reintegrar ao Estado en 2011. Se sumamos esta cantidade, as contas superarían a marxe permitida do 2,5 até o 3,6 do PIB, o que se traduciría nun incumprimento do obxectivo de estabilidade e obrigaría á Xunta a elaborar, para o vindeiro exercicio, un plan de reequilibrio financeiro no que explique como pensa volver ao déficit cero nun prazo de tres anos.

E o endebedamento do Estado?
Outra das críticas do Goberno ao modelo formulado polo Estado Español obedece ao reparto de responsabilidades orzamentarias. Para a conselleira, non é lóxico que o limiar de endebedamento para o Estado se sitúe no 5,4%, máis do dobre do que se ofrece a Galiza.

Entende que é unha "incoherencia", cando son as comunidades autónomas as que soportan a maior presión de gasto en servizos, un custe aínda máis elevado en tempos de crise. Tal é así que, co modelo proposto, "mentres o Estado ten máis capacidade de endebedamento para pagar subsidios, son as autonomías as que carecen de recursos para a sanidade, a educación ou dependencia".


Ligazóns

4/5 (1 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



O Consello de Política Fiscal levantou unha importante expectación
O Consello de Política Fiscal levantou unha importante expectación
A conselleira de Facenda cualificou como "un abuso" o teito de endebedamento do 2,5% do PIB
A conselleira de Facenda cualificou como "un abuso" o teito de endebedamento do 2,5% do PIB