Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Medida con "escasa potencia recadatoria"

A suba fiscal levará de Galiza 450 millóns de euros máis ao Estado

Os técnicos do Ministerio de Facenda aseguran que perto do 4,29% dos contribuíntes galegos que gañan máis de 60 mil euros anuais pagarán o 78,1% da suba.

Redacción - 18:05 05/10/2009

Logo do anuncio do goberno español do aumento de impostos, chega a quenda de poñer cifras exactas ao que custará este incremento a cada contribuínte. Os Técnicos do Ministerio de Facenda (GESTHA) adiantan que a suba fiscal suporá aos galegos un desembolso de media de 487 euros máis ao ano. Así se desprende das estimacións de recadación que baralla o propio Estado, segundo as cales Galiza achegará 450 millóns de euros ás súas arcas, o que supón o 4,11% dos ingresos extras que se obterán pola reforma fiscal (10.950 millóns).

Os Técnicos de Facenda calculan que perto do 4,29% dos contribuíntes galegos que gañan máis de 60 mil euros anuais pagarán o 78,1% da suba do tipo de gravame do 18 ao 19 anunciado polo executivo español para os primeiros seis mil euros. En total, a previsión é que Galiza recade uns 31 millóns anuais extra por este concepto.

Impacto reducido
Doutra banda, os técnicos de Gestha consideran que estas medidas fiscais, recollidas no Proxecto de Lei dos Orzamentos Xerais do Estado para 2010, terán unha transcendencia reducida e que non cubrirán o burato do déficit público por mor da súa "escasa potencia recadatoria". Ademais, entenden que a supresión da dedución de 400 euros no IRPF afectará ao 96,5% dos galegos, que son os que gañan entre nove mil e 60 mil euros. Á súa vez, a supresión desta medida suporá uns ingresos extra para o Estado en Galiza de 341 millóns de euros.

Imposto de Sociedades
Sobre a baixada de cinco puntos do Imposto de Sociedades e o seu equivalente para os autónomos, os técnicos de Facenda apuntan que non beneficiará en grande medida ao sector empresarial. Pola contra, propoñen que a aplicación desta medida se aprace no tempo, de xeito que as empresas poidan deducir este cinco por cento cando se recupere o nivel dos beneficios ordinarios. Premiaríase así a aquelas empresas máis responsábeis socialmente ao manter e crear emprego neste período de crise.

En Galiza beneficiaríanse desta medida máis de 28 mil pequenas empresas, que se poderían acoller a esta axuda ao cumprir cos requisitos de facturación (até cinco millóns) e cadro de persoal (25 empregados) fixados polo executivo español. O aforro fiscal potencial sería de 28 millóns de euros para as pequenas empresas galegas (997 euros por empresa).

Suba do IVE
A proposta de subir o tipo xeral do Imposto sobre o Valor Engadido (IVE) en dous puntos (18%) e o reducido nun punto (8%) suporá para as compañías galegas un gasto de 107 millóns de euros máis ao ano, é dicir, cada empresa pagará unha media duns 446 euros máis por este concepto ao ano. Ademais, esta medida prexudicará previsibelmente o consumo, polo que a proposta dos técnicos sería que a recadación adicional por este concepto se conseguise a través dos impostos especiais, como os que gravan o tabaco, o alcohol ou os hidrocarburos.


Ligazóns

4/5 (3 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: