Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
Sairán á rúa a finais de ano

Xerais lanza no seu 30 aniversario os primeiros ebooks galegos

Manuel Bragado valora os avances na normalización do libro galego en tres décadas, pero sinala que “temos moito camiño por percorrer”.

Moisés Álvarez - 16:45 05/10/2009
Manuel Bragado na entrega do Premio Xerais 2009

Manuel Bragado na entrega do Premio Xerais 2009

Un país e unha lingua normais necesitan “unha expresión editorial acorde co seu tempo: profesional, moderna e que dialoga coas mudanzas que se van producindo”. Así explica Manuel Bragado, director de Edicións Xerais, as marcas de identidade da editorial, as mesmas coas que se constituíu en Vigo o 5 de outubro de 1979. Cando se cumpren 30 anos daquela data, Xerais prepárase para lanzar os primeiros ebooks en galego, como parte dun proceso de normalización do noso sistema editorial, no que “temos moito camiño por percorrer”.

Xusto cando se cumpren tres décadas do seu nacemento, Xerais abre unha nova etapa coa publicación de dous ebooks entre novembro e decembro deste ano. Aínda que xa hai anos que as editoriais galegas tiran produtos dixitais, estes editaranse en formato ePub para os novos lectores de tinta electrónica. “Serán os primeiros libros en galego que saian ao mesmo tempo en papel e en edición electrónica”, explica Bragado. O lanzamento producirase antes do Nadal, no que se agarda que despunten no Estado os novos soportes lectores de ebooks. Manuel Bragado considera que a publicación simultánea en papel e dixital é síntoma da “estrita normalización: o contido por riba dos soportes”. O obxectivo é que sexa o usuario o que escolla por que medio quere acceder ao texto “segundo as súas preferencias”.

A normalización do libro e a lectura en galego volve ser o motor que move o traballo de Xerais. Érao tamén cando se creou en 1979, con Xulián Maure como primeiro director, ao que logo seguiron Luis Mariño Pampín, Víctor Freixanes e Manuel Bragado. A editorial estreouse daquela cun libro de matemáticas para 1º de Bacharelato coa autoría do Colectivo Vacaloura. “É significativo que fose un libro educativo”, reflexiona Bragado, “porque xusto agora parece que está en cuestión o uso do galego como lingua vehicular en materias como matemáticas”.

A normalización pendente do libro galego
No proceso de facer chegar a edición en galego a todos os ámbitos, Bragado destaca que Xerais tivo moitos “compañeiros de viaxe” nas editoriais máis veteranas e nas que se foron incorporando desde entón. O resultado desa normalización do libro galego foi “moi desigual”. O director de Xerais considéraa acadada nos ámbitos da edición educativa e a literatura infantil e xuvenil. “Na ficción gañouse terreo, pero a oferta en galego é apenas o 1% do libro que se vende en Galiza”, sinala Bragado, que cita outros eidos nos que o libro galego vai “a contrapé”: “na edición científico-técnica movémonos en porcentaxes similares ás de hai 30 anos”.

A edición en galego non pode acadar a normalidade se non o fai ao par que a lingua. A historia de Xerais sucédese nun tempo no que á medida que máis persoas acadan a competencia na lectura e escritura en galego, o idioma de Galiza perde falantes. “Xerais naceu para contribuír ao proceso de alfabetización na nosa lingua e á normalización da lectura en galego”, expón Bragado, que sentencia: “Sentimos que formamos parte da nobre causa da lingua e da construción da nación”.

Dez millóns de libros
Nesa aposta da editorial pola lingua, Bragado destaca o traballo no ámbito lexicográfico. O segundo libro que editou Xerais na súa historia foi o Diccionario básico da lingua galega do ILG, o primeiro dicionario galego ilustrado, que supuxo un fito ao principio dos 80 con máis de 40 mil exemplares vendidos. Hoxe os dicionarios seguen a ser, xunto cos libros para o ensino, os títulos máis vendidos do selo. O Dicionario Xerais da Lingua e o Pequeno Xerais suman vendas por máis de 500 mil exemplares. No campo literario, os libros máis demandados son O lapis do carpinteiro de Manuel Rivas (77 mil) e Cartas de inverno, de Agustín Fernández Paz (72 mil exemplares).

Son algúns dos máis de 3.200 títulos editados por Xerais en 30 anos, unha contribución significativa aos 27 mil títulos da edición galega neste tempo. Un tempo no que a editorial vendeu 10 millóns de exemplares, “case catro libros por cada galego”, destaca Manuel Bragado.


Ligazóns

4,63/5 (24 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: