Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Fwwwrando

RSS de Fwwwrando
denuncian inminentes despidos

Incerto futuro dun cento de traballadores de centros tecnolóxicos

A CIG critica o "desmantelamento" de estruturas de investigación e desenvolvemento tecnolóxico creadas polo bipartito.

Redacción - 10:25 03/10/2009

"Estamos convencidos de que parte destes despedimentos son unha forma de castigar a aquelas persoas que amosaron interese por participar nas eleccións sindicais escollendo a CIG para representalas, pero tamén é un método para eliminar calquera tipo de desenvolvemento tecnolóxico en galego e para Galiza", laiábase este venres Manuel Gallardo Canitrot, responsábel da CIG-Autonómica. Canitrot compareceu diante dos medios acompañado por Alexandre Prieto, membro da Xunta de Persoal por Pontevedra, Anxo Anta, representante da Xunta de Persoal de Servizos Centrais, e Suso Baleato, ex-coordinador de Mancomún.

Xuntos, denunciaron a "vulneración dos dereitos sindicais" dos traballadores dos centros dedicados á investigación tecnolóxica que, aseguran, a Xunta está provocando. Recordan que pouco antes de mediados de setembro a CIG deu o preaviso de eleccións sindicais nestes centros. Xustamente, a partir desa data comezaron as comunicacións de despedimento con dúas modalidades: ceses inmediatos nos que a Xunta recoñece a improcedencia dos despedimentos e ofrece as correspondentes indemnizacións de 45 días por ano traballo e, noutros casos, notificacións certificadas sobre a finalización de contratos por obra e servizo o próximo día 31 de decembro.

Suprimir Mancomún implicará a perda de 2 millóns de euros
Os despedimentos afectan a técnicos de servizos diversos, entre outros, do Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA) ou a Fundación Calidade e implican por exemplo a desaparición do Observatorio Galego da Sociedade da Información (OGSI), diversos programas de I+D+i como o IMAN, dedicados a evitar a fuga de cerebros, de apoio ás empresas ou de busca de financiación na Unión Europea. Advirten tamén da posíbel desaparición da Rede de Dinamización da Sociedade da Información, deixando sen servizo a máis de 45 telecentros ubicados en distintas comarcas do país. Sobre o caso concreto de Mancomún, iniciativa de referencia a prol do software libre, Suso Baleato destacou o recoñecemento internacional que tiña recibido pola ONU e a Unión Europeae agoirou que co seu desmantelamento Galiza tamén vai perder 2 millóns de euros en subvencións europeas que deixarán de tramitarse e en contratos con pemes que xa non se poderán levar a cabo.

Alexandre Prieto lembrou que no seu programa electoral, o PP comprometíase a aplicar estándares abertos e software libre na administración e a promover a súa implantación na sociedade galega. Non obstante, unha das primeiras medidas que adoptou Feijoo ao chegar ao goberno foi adxudicar 5 millóns de euros para licencias, dous deles ao xigante Microsoft. Prieto salientou o aforro de custos do uso do software libre e a necesidade de que sexa a propia administración a que impulse a extensión ás empresas e ao conxunto da sociedade. Tamén cualificou de "hipocrisía" do goberno español o recorte nos Orzamentos Xerais do Estado das partidas destinadas á innovación e desenvolvemento en tempos de crise, "mentres desmantela os centros e programas que para tal fin se puxeron en funcionamento no nosos país".


4,44/5 (9 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: