O coordinador federal de Izquierda Unida (IU) anunciou que a súa formación pedirá no Congreso a devolución do proxecto de Presupostos Xerais do Estado (PXE).
O coordinador federal de IU, Cayo Lara, subliñou que a formación que lidera decidiu solicitar no Congreso a devolución do proxecto de Presupostos Xerais do Estado (PXE). Lara avisou de que, para contar co apoio dos deputados da súa formación, o borrador "ten que cambiar moito". En conferencia de prensa este venres en Santiago de Compostela, durante a presentación da 'X Asemblea Nacional de Esquerda Unida-Izquierda Unida', Cayo Lara argumentou que as contas deseñadas polo goberno de José Luis Rodríguez Zapatero "non recoñecen" as políticas neoliberais como causante da crise e non apostan por "un modelo novo" produtivo.
Así, tras cualificar os presupostos como as contas da "desesperanza" e avisar de que son "regresivos", o dirixente de IU avanzou que a súa formación realizará unha "proposta moi concreta" co obxectivo de reverter o sentido do borrador presentado polo goberno español. Cayo Lara mostrouse moi crítico co feito de que os presupostos "graven a maioría dos traballadores" e manteñan a mesma liña dos anteriores anos cando "Zapatero presumía ante o PP de suprimir o imposto de patrimonio", exemplificou. Así mesmo, avisou de que o presidente do goberno español "non cumpre coa palabra dada" de loitar contra a fraude fiscal e lamentou que "non meta man ás rendas de capital". "Non se mete en serio coas grandes fortunas e non suprime as Sicap", que tributan nos paraísos fiscais, reprobou.
"Renuncia a sanear contas"
Nesta liña, mostrou o seu malestar porque Zapatero "renuncie a sanear as contas do Estado e a que contribúan máis os que máis gañan". Así mesmo, criticou que non apostase pola I+D+i, o que significa renunciar "ao cambio de modelo produtivo". "Dise unha cousa e faise a contraria", concluíu.
Ademais, puxo de manifesto que a recadación na facenda pública caerá aos niveis de 2002, malia o incremento do PIB, e alertou de que iso "pon en perigo" os servizos públicos, o que "contribuirá a enriquecer as contas privadas", avisou. Ao fío do que chamou "ausencia de valentía" de Zapatero nestas contas, Cayo Lara lamentou que se reduza a cifra de emprego público e que non se aumenten as partidas para loitar contra a fraude fiscal. Sobre este extremo, indicou que "un de cada catro euros que circulan na economía" faino á marxe da legalidade fiscal.
Propón un plan de 6.800 millóns a prol do emprego
O coordinador federal de Izquierda Unida lamentou que o dato do paro coñecido o venres supoña que se destruíron tantos empregos como o número de habitantes equivalente a "unha cidade maior que Santiago" e propuxo un plan para crear postos de traballo dotado de 6.800 millóns. Na súa intervención durante a presentación da 'X Asemblea Nacional' de Esquerda Unida, Cayo Lara cualificou de "gravísima" a perda de postos de traballo e concluíu que esa perda de postos de traballo "cortou todos os brotes verdes de agosto".
Máis alá do "drama persoal" que supón a cifra coñecida --80.367 persoas perderon o seu traballo--, Lara avisou de que os 420 euros "non resolven" o problema e se está a crear unha importante "economía encuberta". Deste modo, apostou por que o goberno español financie emprego como medida alternativa ás subvencións, aínda que sexa temporal, posto que pode resolver o problema nestes momentos fronte ao peche de pequenas e medianas empresas (pemes) --65.000 nos seis primeiros meses do ano-- e o paro dos autónomos. Así, e dado que "máis paro é igual a máis desintegración nun país moi hipotecado", Cayo Lara propuxo unha "alternativa" de Izquierda Unida, que pasa por un plan de emprego para contratar a partir das entidades locais.
Deste xeito, este plan incluiría salarios de 800 euros con cinco horas de traballo e dúas horas de formación, así como aumentar o crédito para as pemes, "os maiores inimigos das cales son os bancos, que gañaron máis diñeiro na crise que en época de bonanza". Neste extremo, criticou que, mentres existen estes datos de desemprego, "se pague unha pensión de tres millóns de euros", en relación ao ex conselleiro delegado do BBVA. Cayo Lara apostou por que o goberno español invista un millón de euros na compra de vivendas abandonadas para que as poña a disposición das persoas que non poden acceder a unha casa en aluguer. Tamén propuxo un plan de climatización, que podería paliar o paro na construción coa creación de 300 mil postos de traballo, segundo avalía IU, e que consistiría na renovación de ventás ou instalación de placas solares, entre outras obras en vivendas. A dotación presupostaria sería de 5.000 millóns de euros cun 25% de subvención, explicou.