O buque Alakrana, con base no porto vasco de Bermeo, emitira de madrugada sinais de socorro "por ataque de piratas".
Ao xeito do acontecido en ocasións recentes, piratas somalís presuntamente secuestraron un buque no Índico, desta volta o atuneiro Alakrana, con base no porto vasco de Bermeo e con parte da tripulación galega, que faenaba naquelas augas. Fontes consultadas por Europa Press confirmaron que o buque, con patrón procedente de Baiona, estaba faenando na zona das Seychelles cando foi secuestrado.
O 'Alakrana' conta con 36 tripulantes: oito galegos, sete vascos, oito nados en Indonesia, catro de Ghana, tres de Senegal, dous de Madagascar, dous de Costa de Marfil, un procedente de Andalucía e outro das Seychelles. A embarcación logrou eludir, a principios de setembro, un ataque dos piratas a 495 millas da costa de Somalia. O mal tempo e o feito de que as redes estivesen recollidas facilitou daquela a súa fuxida.
Emitiu de madrugada sinais de socorro
A empresa armadora do 'Alakrana', Echebastar Fleet, informou este venres de que o buque de Bermeo emitiu ás 5h30 sinais de socorro por ataque de piratas e dende ese momento non puido estabelecer "ningún tipo de comunicación co barco". A compañía, con sede na localidade biscaíña de Bermeo, indicou nun comunicado que a súa dirección xeral se dirixe á Embaixada de Nairobi en Kenya.
As mesmas fontes aseguraron que a familia tivo coñecemento do suceso cando intentaron, reiteradamente, contactar telefonicamente coa embarcación de forma infrutuosa. A Secretaría Xeral do Mar e o Ministerio de Defensa informaron de que seguen de perto os acontecementos.