A Deputación entrégalle á Fiscalía documentación que probaría o pagamento con cartos públicos de viaxes do seu anterior xerente a Copenhague, Boloña ou Malabo.
Francisco Cacharro impulsou a creación desta fundación
Que a Fundación do Centro Superior Cinexético e Piscícola de Galiza tivo contadas actuacións ambientais xa era un dato coñecido. Mais agora, os dubidosos propósitos desta organización volven poñerse, aínda máis, en entredito logo de que o actual goberno da Deputación de Lugo dese a coñecer documentación que probaría o desvío de cartos públicos para outros fins, entre eles, o pago de multas, débedas e viaxes privadas do seu xerente.
Denuncia ante a Fiscalía
O responsábel da Fundación, Francisco García Bobadilla, quen ademais foi director xeral de Turismo da Xunta de Fraga e responsábel de Paradores de España, tería viaxado, xunto coa súa muller, o seu fillo e outras persoas alleas ao padroado, a Copenhague (Dinamarca), Boloña (Italia) e Malabo (Guinea Ecuatorial) a conta desta entidade. Así o asegura o actual grupo de goberno da Deputación, quen xa puxo a pertinente documentación en mans da xustiza, uns informes que falan dun custo de máis de 20 mil euros por este concepto.
En concreto, o actual presidente do organismo provincial, Xosé Ramón Gómez Besteiro (PSdeG) anunciou que presentou ante a Fiscalía as irregularidades detectadas na xestión desta Fundación, promovida polo seu antecesor no cargo, Francisco Cacharro. Entre elas, ademais das devanditas viaxes, atoparíase a desaparición dun vehículo e de documentos do arquivo (que son fundamentais para coñecer a realidade económica e xurídica do centro); un intento dos anteriores xestores de inscribir no Rexistro da Propiedade uns terreos públicos a nome da entidade; ou unha débeda de 82.341 euros que xa tivo que afrontar o novo goberno, que contaría con gastos como o pago do importe de telepeaxe por un ano (2.418 euros) ou o de multas de tráfico, por valor de 620 euros.
Ademais, a Deputación ten que facer fronte agora ao pago doutra débeda, esta ante Facenda, como consecuencia de que a Fundación tivo unha actividade económica diferente á actividade fundacional, isto é, cuestións ambientais (2.492 euros). Asemade, Paradores de España reclámalle facturas por valor de 549 euros e a consellaría de Medio Rural require a reclamación de pago dunha multa por caza ilegal na finca (outros 900 euros).