Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
Pasado, presente e futuro

Vieiros: 50 anos na vangarda xornalística

As Redes Escarlatas organizan unha xornada dedicada á revista que se editou desde 1959 a 1968 no exilio mexicano.

Redacción - 19:45 28/09/2009

Editada desde 1959 a 1968 polo Padroado da Cultura Galega de México, a revista Vieiros recolleu nos seus únicos catro números o mellor da cultura galega da época, do interior e da emigración, e trazou unha ponte viva entre a xeración fanada pola guerra e a xente da resistencia antifranquista.

Desde as Redes Escarlatas queren render homenaxe ao traballo daqueles exiliados -Lois Soto, Carlos Velo, Florencio Delgado Gurriarán, Arturo Souto ou Elixio Rodríguez- que entendían o noso país dun xeito moderno, tanto no cultural, como no social e no político.

Será o vindeiro 10 de outubro, no Claustro do Convento de Celanova, cunha xornada en que participarán testemuñas directas e mais estudosos daquel proxecto do que formaron parte vellos e novos galeguistas da época. Unha experiencia na que este xornal se quixo inspirar desde o seu nacemento hai xa case 14 anos.

A inauguración de Vieiros: A Vangarda Xornalística (1959-1968) correrá a cargo do alcalde do municipio, Antonio Mouriño. Logo da saúda institucional, Xosé González Martínez, 'Pepe de Redondela', será o primeiro en abrir a quenda de intervencións do día cunha palestra sobre a influencia da revista nas xeracións de 1950 e 1960.

A seguir, Luís Gonçales Blasco 'Foz' falará sobre a censura á que Vieiros tivo que facer fronte nun momento en que Manuel Fraga Iribarne era ministro de Información no goberno do ditador español Francisco Franco. Tras Luís 'Foz', Xosé Luís Méndez Ferrín fará unha intervención centrada no aspecto cultural da revista.

Xa pola tarde, Herminio Barreiro Rodríguez falará de Vieiros: o impacto político, ideolóxico e estético nas conciencias do seu tempo, compartindo mesa coa académica Margarita Ledo Andión. Finalmente, Na encrucillada dos vieiros: a revista Vieiros e @s galeg@s doutras periferias -Madrid, Arxentina, Cuba-, de Ana Acuña, e a visión presente e de futuro por parte do actual redactor xefe de Vieiros, Roberto Noguerol, pecharán a xornada.

Tanto as intervencións da mañá, presentadas e moderadas por Xurxo Martínez González -bo coñecedor dos 50 anos de historia da cabeceira-, como as da tarde, a cargo de Xosé A. Laxe Mariñán, darán paso á intervención do público asistente.


Ligazóns

5/5 (26 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: