O xornalista galego comeza o novo curso radiofónico á fronte do magacín matinal de Radio Euskadi, que compaxinará cun debate semanal en ETB-2.
Dani Álvarez, columnista habitual de Vieiros, naceu nas Pontes en 1977. Marchou para Euskadi estudar Xornalismo. Logo de licenciarse, comezou a traballar en Radio Euskadi. Despois de dirixir durante cinco anos o programa radiofónico Ganbara, de información xeral e debate, comezou a nova temporada cunha dupla responsabilidade, á fronte de Boulevard, o novo magacín das mañás da emisora, e presentando o programa televisivo Plató 2.0, na ETB-2, os luns á noite, dedicado ao debate e á análise.
Vieiros: Que lle supón profesionalmente o comezo desta nova temporada?
Dani Álvarez: Supón, por unha parte, un exercicio -para min- de defensa da radio pública ante a constante liorta política con respecto aos medios públicos, de se son dunha formación ou doutra. Reforza a miña idea de independencia dos medios públicos, de demostrar que podemos seguir sendo competitivos e de calidade. Xa levaba cinco anos facendo un programa pola noite, Ganbara. Cambiar sempre está ben. Hai que refrescarse un pouco, coñecer outra xente, facer outro formato de radio.
E ademais estréase na televisión.
Si. Esta noite comezamos o programa na tele, que recolle a tradición dos debates de ETB. Vai ser plural até o máximo, con público e unha entrevista semanal, desta volta á presidenta do parlamento vasco, Arantza Quiroga. Será a miña primeira experiencia na televisión.
E como vai poder compatibilizar eses dous programas, un diario matinal e un semanal nocturno?
Vai ser complicado. O programa é en Donosti, e téñome que desprazar até aló. Creo que profesionalmente é unha boa oportunidade. Son novo e aínda teño que aprender moito. É unha nova oportunidade. Tampouco lle vou dar moitas voltas.
Os medios de comunicación públicos poden ser independentes?
Na BBC, que sempre é o medio de referencia, gobernen uns ou outros, os profesionais seguen sendo os mesmos. A cidadanía vai valorar que os profesionais de EITB, con algúns cambios lóxicos, seguen contando para os responsábeis dos medios públicos. Non se pode practicar unha 'política Ikea', de que cada un monte uns medios ao seu antollo, co seu Urdaci ou coa súa María Antonia Iglesias. Para aceptar este reto, na miña reflexión estaba iso: que houbese unhas premisas de independencia e de respecto á profesionalidade.
Como compara a independencia dos medios públicos vascos coa dos galegos?
O director xeral de EITB noméao o Parlamento e o da CRTVG noméao o presidente da Xunta. Pode parecer trivial, pero para min non o é. Aínda que exista unha maioría absoluta, o medio non está tan condicionado se conta co aval parlamentario. Non teño elementos de xuízo para saber como están as cousas por dentro, pero esa é a diferenza fundamental.