Ante a ausencia de acordos en firme, os líderes mundiais asumen dubidosos compromisos no Cumio das Nacións Unidas sobre o Clima.
Nun ambiente de escepticismo e incerteza sobre os posíbeis compromisos que puideran saír desta xuntanza, celebrouse en Nova York o Cumio sobre o Clima das Nacións Unidas. Esta reunión, que pretende asentar as bases da que terá lugar o vindeiro mes de decembro en Copenhague, serviu para reiterar as boas intencións e para ampliar a desconfianza sobre o verdadeiro empeño dos líderes mundiais en formular políticas que dean unha resposta efectiva á mudanza climática.
Lonxe de chegar a acordos en firme, as intervencións presidenciais evitaron propostas concretas. Dunha banda o presidente dos Estados Unidos (EUA), Barack Obama pediu unha acción mundial conxunta para evitar "a catástrofe", mais non concretou ningún tipo de medida encamiñada a este fin. Da outra, o líder chino, Hu Jintao, asegurou que China está disposta a esforzarse para reducir as emisións de CO2. Falta agora por ver cal vai ser o sistema que permita este significativo descenso. Mal futuro lle agarda ao planeta cando estes dous países, responsábeis do 25% e do 20% da contaminación mundial respectivamente, evitan comprometerse a máis nada.
Fenda entre ricos e pobres
Doutra banda, unha cousa para a que si serviu esta conferencia foi para reflectir, novamente, as profundas diferencias que existen entre os países ricos e pobres. Os primeiros continúan a formular metas ambiciosas de redución de gases, mentres que os segundos lles reclaman que asuman a súa débeda histórica polo dano causado á natureza.
O exemplo deste distanciamento puxérono na palestra os presidentes de Francia, Nicolas Sarkozy, e Bolivia, Evo Morales, respectivamente. O primeiro reclamou a creación dunha Organización Mundial do Medio Ambiente, para desenvolver un dereito internacional na materia, tan respectado como puidera ser o do comercio. Pola súa parte, Morales propuxo un Tribunal de Xustiza para delitos ambientais, que investigue a gobernos e empresas que contaminen (e contaminasen) o medio.